Teatro en Ponteareas para achegarse ás vivencias da represión e a ditadura con ‘A señora de Forcadela’

Teatro en Ponteareas para achegarse ás vivencias da represión e a ditadura con ‘A señora de Forcadela’

A representación a cargo dos Quinquilláns e ao abeiro do programa O pasado por vir da Deputación será o día 21 no Centro Cultural de Guillade

Ponteareas achégase esta fin de semana á memoria histórica unha nova actividade do programa ‘O pasado por vir’, unha iniciativa da Deputación de Pontevedra que pretende “recuperar non só a memoria dos nomes, rostros e biografías dunha xeración oprimida, senón tamén e, sobre todo, os seus ideais devastados ”, como explica o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.

O Centro Cultural de Guillade acollerá este domingo 21 a representación da peza teatral ‘A señora de Forcadela’, unha historia que permitirá ao público achegarse dun xeito diferente ás vivencias da represión e a ditadura. Trátase dunha obra baseada na biografía da mestra Josefa García Segret, extensiva á doutras mulleres represaliadas en Galicia a partir de xullo do 26: foi detida o 15 de agosto e na prisión de Tui salvou a vida grazas á axuda dun médico forense e dun doutor que aseguraron que estaba embarazada. Foi xulgada en Vigo por rebelión e condenada a pena de morte, que se lle conmutou por cadea perpetua e, despois, a seis anos de cárcere e un día.

En 1982, a mestra publicou un libro autobiográfico titulado ‘Abaixo as ditaduras’ editado por ela mesma, grazas ao que a día de hoxe se coñecen as súas vivencias. No libro explícase a vida dunha reclusa dunha maneira moi directa. Aínda que rematou a obra en 1976, a súa publicación tivo que agardar “polas circunstancias do momento” ata 1982, catro anos antes da súa morte.

A obra teatral será representada en Guillade ás 21.00 horas pola compañía Os Quinquilláns con entrada libre ata completar aforo.