Ás portas da celebración do Corpus Christi de Ponteareas, os servizos de limpeza preparan as rúas para que estean nas mellores condicións insistindo especialmente nas que conforman o percorrido das alfombras florais.
Máis de sete toneladas de folla e flor cubrirán as rúas do centro urbano, falsa árnica, tuia, carqueixa, casca de piñeiro, casca de arroz, hortensia, caravel, rosa desidratada, xesta, mimosa, coca de eucalipto e carballo e sementes de todo tipo, entre outros materiais naturais que son os que dan o arrecendo da noite de Corpus serán recollidos o luns pola empresa de limpeza FCC.
Servizos con Novidades
Este ano, o Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, explica que a maioría dos restos vexetais trasladaranse á empresa Ecocelta para o seu tratamento. Un feito que supón un importante avance en canto á proteción medioambiental.
O operativo de limpeza especial Corpus intensifícase o sábado cun turno especial de limpeza que faga fincapé nas rúas dos tramos alfombrados, tamén se retirarán os contenedores que hai neste percorrido e se habilitará unha segunda cisterna de apoio para o valdeo das rúas.
Deste xeito, unha barredora, un camión de recollida de lixo de carga traseira, outro de carga lateral para evitar traballar de noite, dúas cisternas e o incremento de persoal de apoio para o equipo de barrido traballarán dende ben cedo o sábado pola mañá.
A empresa encargada do servizo da limpeza asegura que o luns día 19 traballarán dende as doce da mañá para garantir a limpeza total da vila o antes posible.