Servizos Sociais de Ponteareas tramita o tícket eléctrico social

concelloOs departamentos de Servizos Sociais do Concello de Ponteareas, da área de Servizos Sociais Comunitarios Básicos, que dirixe Rosa Mª.Carrera Álvarez, están levando a cabo desde o mes de setembro a tramitación de solicitudes de axudas para a concesión do tícket eléctrico social.

Este tícket eléctrico social constitúe unha axuda do Instituto Enerxético de Galicia e consiste nunha axuda directa de 45 euros semestrais ou de 60 euros, no caso de familias numerosas, sempre e cando se cumpran unha serie de requisitos, entre os que se poden citar os seguintes: residir na Comunidade Autónoma de Galicia, ter fillos menores a cargo, estar aboando a correspondente factura de enerxía eléctrica nunha comercializadora, non superar os límites do Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM), entre outros.

A concelleira Rosa Mª. Carrera Álvarez, quere lembrarlles a aquelas familias que aínda non o solicitasen, que a data máxima para solicitar este tícket eléctrico social é o día 5 de novembro incluído. Todos os interesados poden dirixirse ao Centro de Servizos Sociais de Ponteareas, situado na rúa de Oriente, onde as traballadoras sociais municipais ofreceranlles o asesoramento necesario e tramitarán a devandita solicitude, posto que a presentación da mesma relizarase unicamente por medios electrónicos. A edil ponteareá maniféstase moi satisfeita pola convocatoria destas axudas e ofrece a coloboración do Concello de Ponteareas en todo o necesario posto que nestes momentos de crise hai familias que non teñen posibilidades económicas para o pagamento da enerxía suficiente para cubrir as necesidades básicas.