Servizos Sociais do Concello de Ponteareas xa está tramitando as solicitudes de axudas para o aluguer.

rosaDesde hai varios días, O Concello de Ponteareas xa está asesorando e axudando a tramitar as solicitudes de axudas para os alugueres de vivendas, convocadas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, dentro do Programa de axuda ao alugamento de vivendas do Plan estatal de fomento do alugamento.

As Traballadoras Sociais do Concello de Ponteareas levan días poñéndose en contacto cos usuarios dos Servizos Sociais do concello para informalos destas axudas e que se beneficien das subvencións para o pagamento do aluguer das súas vivendas, facendo todo o posible para dar a coñecer e difundir estas axudas tan necesarias en momentos de crise e nos que tantas familias necesitan axuda para facer fronte ao pagamento do aluguer da vivenda habitual.  Ademais de asesorar e informar sobre todos os aspectos e trámites necesarios para facer a solicitude, a todas aquelas persoas que non se sintan capaces de cubrir e tramitar a citada solicitude axudaráselles a cubrila e tramitala.

Estas subvencións para o pagamento do aluguer consistirán nunha axuda que poderá chegar ao 40 % da renda anual que se deba satisfacer polo alugamento da vivenda habitual con límite máximo de 2.400 euros anuais por vivenda, aboándose en pagamentos mensuais  polo importe proporcional ao montante anual que corresponda. As subvencións concederánse por un prazo de doce meses, prorrogables, sempre a solicitude da persoa interesada, ata a finalización do plan no ano 2016.

Para poder solicitar estas axudas, entre outros requisitos, o límite de ingresos da unidade de convivencia que vaia ter o seu domicilio na vivenda arrendada non poderá superar 3 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) e terán preferencia as familias numerosas, mulleres vítimas de violencia de xénero, persoas con discapacidade ou afectadas por desafiuzamentos, así como as vítimas do terrorismo.

O prazo para presentar as solicitudes rematará o día 19 de febreiro de  2015 e ata esa data, lembra a concelleira da Área de Servizos Sociais, Rosa Carrera Álvarez, todas as persoas interesadas poden pasar polo Centro de Servizos Sociais de Ponteareas, situado na rúa de Oriente, onde as traballadoras sociais municipais ofreceranlles o asesoramento necesario e tramitarán as solicitudes daquelas persoas que o necesiten.