Seguridade Cidadá solicita un novo camión de bombeiros

A Concelleira de Seguridade Cidadá do Concello de Ponteareas, a socialista Vanesa Rodríguez, reuníuse co director xeral de emerxencias, Luis Menor. Acompañada do xefe do servizo de bombeiros, Roberto Castro,trasladaron ao responsable de emerxencias a urxente necesidade de renovar algún dos vehículos da flota pola súa antigüidade.

Vanesa Fernández detallou ao director de emerxencias os medios dos que dispón Ponteareas, un camión de dous mil litros, un camión cedido polo Concello de Vigo e o Cometa que xa non se usa aínda que de xeito ocasional e dada a gravidade dos feitos se empregou para abastecer auga na vaga de lumes de outubro.

“Como atendemos a dez concellos das comarcas Condado e A Paradanta precisamos un camión que teña maior potencia e maior capacidade de auga para chegar aos sitios a tempo e coa maior cantidade de auga posible. Ademais hai que lembrar que non é o mesmo atender unha emerxencia no casco urbano de Ponteareas que ir a Cañiza ou calquera punto alonxado no rural”. 

A concellería ten orzamentado un camión de bombeiros de catro mil litros de capacidade e catrocentos cabalos que sen equipar ascende a 300.000€ ao que habería que sumarlle o equipamento. Unha cantidade que o Concello de Ponteareas non pode asumir sen a colaboración de outras administracións.

A concelleira explica que o director xeral recoñece a necesidade deste novo vehículo e amósase en boa disposición pero adiantou que sería preciso a colaboración coa Deputación de Pontevedra asumindo unha parte da financiación. Pola súa banda, a concelleira ponteareá adiantoulle a súa predisposición a colaborar coa aportación económica correspondente.

Vespa Velutina

Ademais, a concelleira trasladoulle a preocupación polo tratamento de nidos da vespa velutina porque desborda aos concellos e preguntoulle pola política que vai seguir a Xunta respecto a este problema. Fernández solicitou a Emerxencia formación con cursos fitosanitarios para preparar aos profesionais do servizo de bombeiros que están a acudir á retirada destes nidos.

Ponteareas prantexoulle a posibilidade de facer o curso no Centro de Desenvolvemento Local para profesionais do sur da provincia. A Xunta pola súa parte non víu ningún impedimento e acolleuno como unha iniciativa interesante amosando a súa boa disposición para estudar a proposta que o Concello lle enviará.

“A Xunta recoñeceu que lle desborda tamén e dí que hai que priorizar na atención a estes nidos, liña na que xa estamos a traballar mesmo realizando campañas formativas nos centros escolares porque nas emerxencia a prevención e formación é clave para evitar situacións de maior risco”.