Segredos florais tan inmateriais como as alfombras do Corpus de Ponteareas

A Concellería de Cultura e Turismo, que dirixe Hortensia Bautista, e a Concellería de Ensino e Participación Cidadá, dirixida por Cristina Fernández reuníronse cos representantes dos tramos das alfombras Ferreiros-San Roque e Reveriano Soutullo e coa Asociación de Alfombristas para presentar o borrador da aula didáctica que se lle presentará aos centros educativos para a súa participación.

Con esta iniciativa as concelleiras pretenden dar un paso máis na transmisión do sentir da arte floral e garantir o relevo xeneracional que ata o día de hoxe fixo posible a persitencia das alfombras florais do Corpus de Ponteareas. 

Unha charla, un obradoiro e a confeción dunha alfombra son as tres accións que o goberno de Ponteareas desenvolverá en colaboración cos alfombristas e os centros escolares. Unha vez máis, o goberno aposta pola suma de fortalezas e pola aposta de actividades nas que participen diferentes colectivos dando a oportunidade aos alfombristas de transmitir os seus segredos e sentir á mocidade.

Nunha charla na que o alumnado coñecerá a historia do Corpus e das alfombras florais os alfombristas falarán das orixes, das primeiras novas que recollen esta arte efímera e do traballo en equipo do que darán mostra nos obradoiros nos que terán ocasión de elaborar a súa propia alfombra.

Deste xeito, durante as xornadas prácticas o alumnado terá que asumir a responsabilidade de planificar unha alfombra floral: tirar do maxín para crear un deseño, planificar os materiais que van precisar, as cantidades, o número de persoas, organizar un equipo que recolla, outro que desfolle, adquirir coñecementos de como almacenar e como conservar, establecer horarios para a súa execución… e moitas máis tarefas das que se encarga un bo alfombrista.

Todos estes trasegos quedarán plasmados na alfombra floral que confecionarán con motivo do Día das Letras galegas adicada á homenaxeada no 2018, a escritora María  Victoria Moreno Vázquez. 

Así, o vindeiro 16 de marzo, todos e todas as participantes traballarán toda a mañá na Praza Maior para que a veciñanza poida gozar durante o día das Letras Galegas dunha alfombra floral 100% ponteareá.

Tódolos centros interesados en participar deberán inscribirse antes do día 6 de marzo asignando un ou unha profesora ou titora e enviando a súa solicitude ao enderezo electrónico educacion@ponteareas.gal 

“Fortalecer o vínculo entre a arte das alfombras e as novas xeracións é imprescindible para que perdure ao longo do tempo tal e como se foi conseguindo ata o día de hoxe. Grazas ás e aos alfombristas hoxe temos unha Festa de Interés Turístico Internacional que está á portas de ser declarada un Ben de Interese Cultural precisamente por ser unha iniciativa do pobo e mantida no tempo polo pobo, ese sentir fai que as nosas alfombras sexan únicas e diferentes”, explica a concelleira Hortensia Bautista.