Rochi Novoa trae este venres a Ponteareas ‘Punk-Dereta 40’, o seu primeiro poemario en galego e castelán  

 

O Concello continúa conmemorando o mes do libro con esta obra que se presentará ás 20 h na sala multiúsos do auditorio municipal

 

Rochi Novoa trae este venres a Ponteareas ‘Punk-Dereta 40’, o seu primeiro poemario en galego e castelán  Ponteareas continúa conmemorando este abril o mes do libro cunha nova cita este venres 8, nesta ocasión coa autora Rochi Novoa, que presentará ao público ‘Punk-Dereta 40’, o seu primeiro poemario en galego e castelán gañador do premio literario O Corcel Negro no que a pandemia e a muller violentada son os dous ingredientes principais.

 

Mestra ademais de escritora, Novoa chega a Ponteareas cunha obra que a representa dende o título: un xogo de palabras entre a música que a identifica por rebelde como é o punk, a pandeireta como instrumento típico da súa Galicia natal e o número 40 relativo á súa idade. As protagonistas dos poemas son mulleres que viven realidades diferentes nun contexto social e sanitario crítico como foi a pandemia, unha realidade mostrada desde a visión de mulleres maltratadas, cun exceso de lívido, desequilibrios mentais ou afastadas do mundo real.

 

A obra conta no seu interior con ilustracións de Chus Láuzara, Bibiana Fernández, Vitória Illich Ulianov e da propia Rochi Novoa e fotografía de Emilio Romanos que dan forma a unha extraordinaria obra.

 

A presentación, con recital poético musicado, será ás 20.00 horas na sala multiúsos do auditorio municipal con entrada libre ata completar aforo.

 

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, lembra que tanto Ponteareas como Galicia viven “unha época de pleno esplendor na creación literaria, coa aparición de novas autoras e autores cun gran potencial e moita ilusión que queremos dar a coñecer a toda a veciñanza”. A presentación forma parte da iniciativa ‘Abril, mes dos libros’, un ciclo de presentacións de obras de escritores e escritoras da comarca ou vinculadas á vila con Ponteareas co que o Concello quere conmemorar o Día Mundial do Libro e do Dereito de Auto.