Reunión da xunta de voceiros do Concello de Ponteareas sobre o PXOM

O Goberno fixa unha xuntanza coa Secretaría Xeral de Urbanismo para completar a documentación necesaria para a aprobación definitiva

O Goberno de Ponteareas ven de convocar para este venres, ás 9 da mañá, unha reunión dos portavoces de todas as forzas políticas da Corporación Municipal para tratar sobre o requirimento de documentación, realizado pola Secretaría Xeral de Urbanismo,  para continuar coa tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Ponteareas para a súa aprobación definitiva.

Co obxectivo de concretar e axilizar a tramitación da documentación requirida, o Goberno local  fixou para o vindeiro luns unha reunión técnica na Secretaría Xeral de Urbanismo en Santiago na que participarán o Director e responsábel do PXOM, a Arquitecta Municipal, o Asesor Xurídico e a Secretaria Municipal, ademais do alcalde, Xosé Represas e a Concelleira de Urbanismo e 1ª Tenente de Alcalde, María Jesús Garrote.

O Plan Xeral de Organización Municipal do Concello de  Ponteareas foi aprobado provisionalmente polo pleno de Ponteareas  o pasado 2 de febreiro, posteriormente o Concello xa remitiu na pasado mes de xuño unha serie de documentación requirida pola Xunta e corrixiu algunhas deficiencias. Agora, tratase de subsanar diversos erros e aclarar se esa documentación, que non supón modificación do PXOM, debe ser ratificada polo Pleno da Corporación de Ponteareas.

A concelleira de Urbanismo, María Jesús Garrote, indicou que a reunión do luns servirá para aclarar a tramitación e a resolución técnica dos requirimentos, e en coordinación coa Secretaría Xeral de Urbanismo, completados de inmediato na súa totalidade.

Unha vez cumprimentado este requirimento, a Xunta ten un prazo de tres meses para resolver o PXOM de Ponteareas. Con este plan Ponteareas porá fin a trece anos de planeamento suspendido.