Responsabilidade e solidariedade co comercio local

 

A concellería de Promoción Económica do Concello de Ponteareas, ante o estado de alarma polo COVID-19, solicita a colaboración da cidadanía para saír a rúa soamente para mercar produtos de primeira necesidade polos que non poidan agardar.

A concellería explica que todas e todos podemos frear a propagación deste virus se seguimos as medidas de illamento e hixiene sanitaria ditadas polo Estado. Como exercicio de responsabilidade a maioría do comercio de Ponteareas mantén pechadas as súas portas dispondo, nalgúns casos, de servizo de atención telefónica ou de correo electrónico. A concellería chama á solidariedade e pide que todas aquelas compras que poidan agardar, as fagamos unha vez que os nosos comercios de toda a vida e de confianza volvan pode abrir as súas portas.

O noso comercio pecha polo ben da veciñanza, motivo polo que todas as compras que non sexan imprescincibles poden agardar a que volvan abrir as súas portas axudándoos a recuperar a súa economía”, explica a concelleira de Promoción Económica Eva Gil.

Ademais, recórdalle que para as compras urxentes de produtos de primeira necesidade as pequenas tendas e establecementos locais deste tipo de produtos teñen as súas portas abertas nun horario o suficientemente amplo sen necesidade de provocar aglomeracións nin ter que realizar compras por internet que provocan desprazamentos innecesarios de repartidores e transportistas.

Evitar todas as saídas á rúa, o contacto e a contaminación dos espazos públicos é fundamental para a pronta solución desta crise sanitaria.

A concelleira de Promoción Económica en nome de todo o goberno agradece aos e ás comerciantes de Ponteareas o esforzo realizado ao pechar as súas portas e a súa inmensa colaboración contribuíndo a que non se espalle máis o coronavirus.