Representantes do Consello da Infancia de Ponteareas piden no Parlamento galego medidas concretas para un maior coidado do medio ambiente

Representantes do Consello da Infancia de Ponteareas piden no Parlamento galego medidas concretas para un maior coidado do medio ambiente

 

Juan Vázquez, Sabela Montero e Noela González participaron este martes no IX Foro Infantil Unicef-Parlamento de Galicia

 

Defender o futuro das vindeiras xeracións comeza por un maior coidado do medio ambiente, para poder “vivir nunha contorna san e limpa e gozar do contacto coa natureza”. Así o salientaron os representantes do Consello da Infancia de Ponteareas Juan Vázquez, Sabela Montero e Noela González, que participaron este martes en Santiago de Compostela no IX Foro Infantil Unicef-Parlamento de Galicia xunto a rapaces e rapazas dos concellos de Cabanas, Castrelo de Miño, Moeche, Nigrán, O Porriño, Redondela, Moaña, Teo e Tomiño e onde presentaron as conclusións do II Encontro galego de participación infantil e adolescente en relación co coidado do medio ambiente e a loita contra o cambio climático.

 

Representantes do Consello da Infancia de Ponteareas piden no Parlamento galego medidas concretas para un maior coidado do medio ambiente En representación do Consello ponteareán, Juan Vázquez subiuse á tribuna do Parlamento galego para expor as preocupacións da infancia e mocidade polo maltrato animal, a extinción de especies, a tala de árbores, os incendios ou mesmo a propagación da velutina e reclamar medidas concretas dende as administracións para vivir en municipios medioambientalmente sostibles. “Supoño que a nosa idade, e o que temos traballado tanto a nivel particular como no colexio nesta temática, fainos máis conscientes da gravidade do problema e da necesidade urxente de actuar. Non obstante, ás persoas maiores cústalles entender a urxencia, por iso pensamos que igual se deberían por en marcha campañas de concienciación para eles e elas”, salientou.

 

Vázquez rematou recalcando o compromiso de nenos, nenas e adolescentes co medio ambiente fronte aos titulares destacados tras o último cumio do clima, que “falan de que os gobernos seguen a retrasar a toma de medidas concretas, fixando metas no futuro que non lles comprometan a curto prazo. Nós algo teremos que facer…”.

 

Representantes do Consello da Infancia de Ponteareas piden no Parlamento galego medidas concretas para un maior coidado do medio ambiente Durante o encontro o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, agradeceu o “compromiso ambiental” da infancia e da mocidade galega “que teñen firmemente interiorizada a defensa do medio ambiente, unha realidade na que temos depositadas firmes esperanzas”. O acto tamén contou coas intervencións da presidenta de Unicef Comité Galicia, Myriam Garabito; das deputadas Olalla Rodil, Marina Ortega e Noelia Pérez; da subdirectora xeral de Coordinación Ambiental da Consellaría de Medio Ambiente, María del Mar Ferreiro; e do director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellaría de Política Social, Jacobo Rey.