Represas solicita unha reunión co Presidente da Xunta para apoiar o crecemento e futuro dos ponteareáns

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas solicitou por carta unha entrevista co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, co obxectivo de concretar o apoio e colaboración da Xunta de Galicia en proxectos que son vitais para Ponteareas. Represas citou algúns dos proxectos nos que que é necesasrio concretar a colaboración entre as dúas administración; a ampliación de capacidade da EDAR da Moscadeira, levar a rede municipal de auga ás máis de duascentas vivendas que carecen deste serizo básico, a realización do proxecto de circunvalación, a mellora da PO-403 ou o traspaso da residencia de maiores.

A ampliación de capacidade da depuradora e a construción dun novo colector é un dos temas de actualidade polo recente compromiso da Confederación Hidrográfica de financiar nun 60%, con cargo aos fondos 2020 da Unión Europea. O investimento total desta obra está estimado en 4.500.000 euros dos que 1.800.000 teñen que ser financiados polo Concello e a Xunta de Galicia para o que é preciso asinar un convenio de colaboración entre as tres administracións. 

“Despois do compromiso da Confederación agardamos concretar a colaboración da Xunta para porlle data de caducidade a un problema xa crónico de Ponteareas, os vertidos ao Tea pola insuficiencia da depuradora. Nós poremos a nosa parte pero é imprescindible o apoio da Xunta de Galicia” manifestou o Alcalde.

Outra das cuestións que Represas agarda tratar con Feijoo é o Plan Xeral de Ordenación que limita o crecemento da cidade e para o que xa houbo un consenso da Corporación de solicitar que permitan contar coa aprobación do plan no menor prazo posible aínda que sexa de forma parcial xa que daría seguridade xurídica a moitas empresas.

Ponteareas lémbralle ao Presidente da Xunta que nestes anos tamén se asumíu o custe de servizos impropios (Residencia de Maiores, Escola Infantil, Bombeiros, Estación de autobuses ou o Conservatorio), que noutros Concellos son xestionados pola Xunta de Galicia, servizos dos que asumen anualmente o seu déficit impedindo destinar eses recursos propios para investimentos en servizos que sí son de competencia municipal e temos obriga de prestar, polo que é urxente resolver o traspaso á administración autonómica.

“Considero que despois deste esforzo en solitario dos veciños e veciñas de Ponteareas é o momento de acadar un acordo de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Concello de Ponteareas para realizar algúns dos investimentos máis necesarios e urxentes como os de auga e saneamento, neste   caso para financiar conxuntamente coa Confederación Hidrográfica a ampliación de capacidade da EDAR”. 

Outro dos temas urxentes é o proxecto da circunvalación ou variante de Ponteareas, comprometido pola Xunta de Galicia en 2015 para conectar o núcleo urbano e a N-120 coa autovía A-52, así como mellorar a seguriade viaria na PO-403.