Represas reúnese con profesionais liberais para avanzar no Plan de Modernización do Concello

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, manterá o vindeiro xoves, ás 20:30 horas, unha reunión con profesionais liberais de Ponteareas, no marco dos traballos de elaboración do Plan de Modernización da Administración Local. Á cita están convidados avogados, procuradores, enxeñeiros, arquitectos, economistas e outros profesionais liberais.

Tal e como explicou o propio rexedor municipal, “moitos destes profesionais que pola súa actividade manteñen relación habitual coa administración local, coñecen as súas disfuncións e problemáticas, demandan medidas que melloren a organización do Concello e poden aportar ideas e propostas para lograr ese obxectivo”.

A reunión está aberta a todos os profesionais que, no exercicio da súa actividade, teñen relación habitual coa administración local. “As suxestións e propostas feitas por funcionarios e as que aporten agora os profesionais teranse en conta na elaboración do Plan de Modernización da Administración Local de Ponteareas”.

Con esta actuación o goberno “quere lograr unha Administración pública moderna, áxil, eficaz e eficiente, que acade un alto nivel de satisfacción da veciñanza e dos profesionais na súa relación coa administración local”. Para logralo, o executivo local pretende dotar ao Concello de organigramas que determinen con claridade as funcións de cada departamento e do persoal municipal, ademais de crear bases de datos para o control de expedientes que permitan axilizar a súa tramitación, desenvolver a administración electrónica, ou establecer métodos de avaliación do funcionamento da administración e do nivel de satisfacción cidadá, entre outras melloras.