Represas quere acompañar os traballos de redación do proxecto de mellora da N-120 para que atenda as necesidades de Ponteareas

O Alcalde solicitou unha reunión co Xefe da Demarcación de Estradas do Estado de Galicia para coñecer os traballos de redacción do proxecto

Tamén solicitou coñecer as previsións do Ministerio para a variante de Ponteareas, circunvalación que unirá a A-52 coa N-120

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, solicitou unha reunión ao Xefe da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, para coñecer de primeira man os traballos de redacción do proxecto de mellora da seguridade vial na N-120. A pasada semana o Ministerio anunciaba o inicio dos traballos de redacción do proxecto de obras para a construción de glorietas, rehabilitación do firme, mellora da sinalización e tratamento de marxes na N-120 ao seu paso polas parroquias de Xinzo, Arnoso e Areas.

O alcalde quere coñecer directamente o obxecto dos traballos e as actuacións concretas que se contemplan no proxecto así como a idoneidade da estimación orzamentaria anunciada, uns 2,26 millóns de euros. Na carta remitida ao Xefe da Demarcación de Estradas o alcalde pide que se estableza un método de traballo para que o Concello poda acompañar os traballos de redacción do proxecto para que este responda ao comprometido no seu día polo Ministerio e ao demandado polo concello e a veciñanza organizada na Plataforma da N-120.

Ademais, Represas solicita que na reunión se informe sobre as previsións do Ministerio respecto á variante de Ponteareas, a circunvalación que deberá unir a A-52 coa N-120. “Hai un ano que o Director Xeral de Carreteras asumíu a execución deste novo vial directamente polo propio Ministerio e desde entón non temos ningunha confirmación oficial do encargo de traballos que permitan contar dunha vez por todas cun proxecto de execución que concrete as características do vial, as zonas por onde vai transcurrir e os custos da obra” sinalou o alcalde.

Represas considerou positivo que se teña dado o paso de iniciar os traballos de redación do proxecto, pero se amosou tamén cauto: “levamos moitos anos escoitando promesas dos diferentes gobernos do Estado, polo que é necesario que o Concello teña unha información sobre a execución dos compromisos adquiridos e unha interlocución continua cos responsabeis do Ministerio”.

O alcalde destacou “a capacidade de interlocución e de acordo do goberno local co goberno do Estado o que nos está permitindo que compromisos como as actuacións na N-120 ou a ampliación da depuradora se vaian pouco a pouco concretando. Seguiremos atentos para que eses compromisos e traballos se traduzan nas actuacións que Ponteareas precisa”.