Represas pide unha reunión co novo Delegado do Goberno en Galicia para concretar o investimento de 27 millóns de euros na Circunvalación e a N-120

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, ven de solicitar unha reunión co novo Delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, para tratar dous temas vitais para o futuro de Ponteareas e especialmente para mellorar a seguridade viaria e peonil; a construción da “Variante de Ponteareas” como denomina o Ministerio  de Fomento o vial de circunvalación que conectará o enlace da autovía en Moreira co núcleo urbano de Pontearas e a N-120, “son dúas actuacións demandadas pola Corporación e a cidadanía dende hai máis de dúas décadas, dende a apertura da A-52. Xa é chegada a hora de concretar estas actuacións cos proxectos de obras para a súa execución” manifestou o Alcalde.

Na carta, Represas recórdalle que Fomento ten comprometido a mellora da seguridade viaria na N-120 ao seu paso por Ponteareas e a construción da Circunvalación ou Variante de Ponteareas que comunique a A-52 co núcleo urbano e a citada N-120 con partidas concretas para a súa execución en 2018 e posteriores exercicios nos orzamentos do Estado que se acaban de aprobar.

O Alcalde infórmalle que para a mellora de seguridade viaria na N-120, especialmente no tramo que cruza as parroquias de Areas, Arnoso e Xinzo, figura unha previsión de 3 millóns de euros para este ano e outros 3 millóns de euros para 2019. Entre as actuacións a executar está a realización do proxecto e posterior contratación das obras de construción de “glorietas” en Xinzo, Areas e Arnoso, nos enlaces cos viais municipais, así como de sendas que garanten a seguridade peonil e ciclista. Nesta zona, no tramo entre o P.Q. 645,2  e 649,9 estase rematando nestas semanas unha pequena obra de mellora da iluminación.

En canto á “Variante de Ponteareas” que conecte o núcleo urbano co enlace da autovía A-52 en Moreira, os orzamentos recollen a previsión plurianual para executar esta obra por importe total de 21 millóns de euros (consignación orzamentaria é de 1 millóns de euros neste ano, 11 milóns en 2019 e 9 millóns de euros en 2020). 

Xosé Represas fai fincapé en que “sobre esta actuación, mais alá desta previsión, non existe aínda proxecto e está pendente a sinatura dun convenio entre o Ministerio de Fomento, Xunta de Galicia e Concello  de Ponteareas. Esta obra, pola que levamos agardando dende a apertura da autovía, resulta vital para mellorar a seguridade viaria e o futuro de Ponteareas”.

Ademais, Represas manifesta a súa preocupación polo paso do tempo sen que as cifras que teñen figurado nas contas do Estado se cheguen a executar, “agardamos que o novo goberno en Madrid sexa sensible a esta grave situación e atenda esta demanda xa histórica de Ponteaeras”.

Represas lembrou as mobilizacións promovidas pola plataforma veciñal de Areas, Arnoso e Xinzo para a mellora da seguridade viairia neste tramo que soporta mais de 16.000 vehículos día, así como as demandas da comunidade educativa do IES do Barral e a veciñanza de Angoares, Moreira e xa no núcleo urbano da Avenida Castelao. 

Represas quere coñecer cales son as previsións do novo Goberno do Estado con respecto a estas obras e prazos de contratación das partidas que figuran nos orzamentos do Estado.

“É hora de rematar con esta vergoña doutras administacións con Ponteareas. Son obras básicas para garantir a seguridade viaria e de vertebración das vías de comunicación para o núcleo urbano e a conexión coa autovía cunha vía de alta capacidade” afirmou Represas referíndose a gravísima situación de soportar toda a carga de tráfico con estradas insuficientes cruzan parroquias densamente poboadas ou incluso rúas do núcleo urbano.

O alcalde pretende que a esta reunión co Delegado do Goberno poidan asistir represententes de todos os grupos da Corporación ademáis da Plataforma veciñal da N-120.