Represas ofrece apoio ás comunidades de montes para converter A Picaraña nun grande parque forestal

O Concello ofrécese a redactar un Plan Director que defina as potencialidades do monte e as actuacións a executar nos vindeiros anos

Q55A0304As comunidades de montes veciñais de Ponteareas, Arcos, Bugarín e San Lourenzo de Oliveira veñen de manter un encontro co alcalde, Xosé Represas, e o concelleiro de Medio Rural, Manuel Troncoso que serviu para dar os primeiros pasos para converter o monte da Picaraña nun grande parque forestal de ocio e valor ambiental.

Todas as comunidades coincidiron na necesidade de recuperar A Picaraña desde o punto de vista medioambiental, convertelo nun lugar de referencia para o ocio dos ponteareáns, poñer en valor os seus elementos culturais e integralo dentro da oferta turística de Ponteareas, unha intención que o propio rexedor vén de comunicar nunha recente reunión mantida coa secretaria xeral de Turismo.

No encontro acordouse que as comunidades faciliten nos vindeiros días un inventario do monte no que se recollan todas as instalacións e infraestruturas recreativas e deportivas que existen, ademais de aportar proxectos xa redactados e expoñer todas as ideas sobre actuacións a realizar.

A partir desa información, a previsión do goberno é asinar un convenio coas catro comunidades e incluír nos orzamentos de 2016 unha partida para a redacción dun Plan Director onde se contemplen as potencialidades da Picaraña e as actuacións a executar durante os vindeiros anos. Represas sinalou que no ano 2016 tamén se executarán as primeiras actuacións do Plan.

O alcalde sinalou que o seu obxectivo é “axudar ás comunidades de montes a dar un cambio definitivo ao monte da Picaraña e convertelo no gran parque forestal que Ponteareas precisa”.

Na actualidade A Picaraña dispón de dúas rutas de sendeirismo homologadas, varias pistas de descenso de BTT, varias áreas recreativas así como elementos de atractivo turístico como a Pedra do Equilibrio e, nas proximidades, o Penedo dos Namorados, ademais de varios xacementos castrexos. Algunhas comunidades como a de Arcos teñen proxectos xa elaborados para actuacións arqueolóxicas, creación dunha senda micolóxica ou a habilitación dunha zona de escalada.

O alcalde tamén asumiu ante os comuneiros a responsabilidade do Concello no grave problema de invasión de acacias australianas que sufre o monte e se comprometeu a incluír no plan director as actuacións necesarias para a súa erradicación.

Obras de mantemento no rural

O goberno local prevé realizar nos vindeiros meses diversas accións de mantemento das infraestructuras en todas as parroquias. As máis inmediatas son completar o desbroce de pistas e camiños en todo o rura,l para o que contará cun tractor desbrozador contratado, despois de constatar a imposibilidade de recuperar o do Concello; o mantemento das pistas; a revisión do alumeado público; e a mellora do servizo de recollida do lixo.