Represas decidido a “poñer fin á ruína da Estación de Autobuses”

O Alcalde lembra que o servizo de competencia autonómica custou aos ponteareáns máis de 1,2 millóns de euros en 24 anos

O alcalde ponteareán e a concelleira de Mobilidade, Vanesa Fernández, esixen á Xunta que asuma o servizo e devolva ao Concello o desembolso feito nos últimos catro anos

estación-busesO alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, anunciou que o vindeiro 1 de xaneiro o Concello deixará de pagar os gastos da Estación de Autobuses. Desde a súa construción en 1991, eses gastos supuxeron para as arcas municipais un desembolso de máis de 1,2 millóns de euros. “Estou decidido a poñer fin a esta ruína provocada pola mala xestión dos gobernos do PP e os incumprimentos da Xunta”, advertiu o alcalde.

Represas lembrou que a posta en marcha do servizo fora decisión do alcalde do Partido Popular, José Castro, quen no ano 1991 asinou un convenio coa Xunta de Galicia moi prexudicial para os intereses municipais, pois o Concello facíase cargo por 20 anos de todos os gastos dun servizo que é de competencia autonómica. O acordo porén, “foi beneficioso para o Partido Popular que colocou a dedo na Estación a varios amigos e membros do partido, tal e como quedou acreditado en sentenza xudicial”, tal e como sinalou o propio Represas.

O convenio finalizou no ano 2011, pero o goberno local presidido por González Solla “foi incapaz de que a Xunta se fixera cargo do servizo e continuou pagando os gastos da Estación que se elevan a máis de 50.000 euros anuais”. O goberno de Núñez Feijóo anunciou oficial e publicamente en 2013 que asumiría de inmediato a xestión e que compensaría ao concello polos gastos causados. “Pasaron dous anos, o concello seguiu pagando e aquel compromiso propagandístico segue sen cumprirse xustificándose a Xunta en que o concurso para outorgar a concesión quedou por dúas veces deserto, unha escusa de mal pagador” apuntaron tanto o alcalde como a concelleira de Mobilidade, Vanesa Fernández.

O pasado día 9 de setembro o alcalde Xosé Represas, a primeira tenente de alcalde, María Jesús Garrote e a concelleira de Mobilidade, Vanesa Fernández, mantiveron unha reunión coa directora xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia, na que esixiron unha solución inmediata ao problema. Segundo o rexedor, “ante a falla de concreción por parte da Directora Xeral, comuniqueille a decisión do goberno que presido de non pagar nin un euro máis a partir do 1 de xaneiro e de reclamar todo o abonado polo concello nestes máis de catro anos, unha cantidade que ascende a máis de 200.000 euros”.

Represas advertiu que “se o 1 de xaneiro o servizo se pecha será responsabilidade única da Xunta, pois é a administración que ten competencia exclusiva neste asunto. A miña responsabilidade é defender os intereses de Ponteareas e este concello non vai seguir tirando os cartos en servizos que son doutras administracións cando, tras décadas de gobernos da dereita, temos o Concello completamente endebedado e carecemos de servizos municipais tan básicos coma o saneamento no rural”.

O goberno local levará a Pleno a vindeira semana unha proposta para que todos os partidos apoien as xestións e medidas que o goberno vai adoptar en relación con este asunto. “Trátase de defender os intereses de Ponteareas e estou seguro de que haberá unanimidade fronte á actitude da Xunta de Galicia”.