Represas convoca a empresarios e autónomos para informarlles das medidas de fomento de emprego

A reunión terá lugar o vindeiro mércores 23 de setembro, ás 20:30 horas, no Salón de Plenos da Casa do Concello

concelloXosé Represas, alcalde de Ponteareas, vén de convocar a máis de 300 empresarios e autónomos da vila para lles informar da posta en marcha de medidas que vaian encamiñadas á creación de postos de traballo no municipio. O Concello xa ten preparada unha partida orzamentaria de 28.000 euros para conceder estas axudas.

O principal obxectivo desta xuntanza, que terá lugar o mércores 23 de setembro, ás 20:30 horas, no Salón de Plenos, é coñecer de primeira man as opinións, suxestións e pospostas dos diferentes profesionais de cara a elaborar unhas bases que permitan levar a cabo a concesión dunhas subvencións que estarán divididas en dúas grandes áreas: auto emprego e fomento da contratación.

O goberno municipal é plenamente consciente da necesidade de apoio aos emprendedores para crear emprego en Ponteareas, por iso quere convidar a todos aqueles interesados a asistir á reunión do vindeiro mércores.