Rematan as obras de reforma de varias zonas do Centro Cultural de Ribadetea

A concelleira de Vías, Obras e Urbanismo, Chus Garrote, e a arquitecta municipal comprobaron in situ o estado final dos traballos de acondicionamento de varios locais desta casa cultural

final-obras-cc-ribadetea-1O Centro Cultural da parroquia ponteareá de Ribadetea vén de rematar as obras de acondicionamento de varios locais desta instalación. Os traballos comezaron durante o pasado mes de xuño e tiñan como obxectivo reformar varias zonas desta casa cultural para o seu aproveitamento, pois até ese momento só se estaba usando de maneira efectiva unha das estancias do edificio.

Tanto a edil de Vías e Obras e Urbanismo, Chus Garrote, como a arquitecta municipal, recepcionaron as obras e puxeron as instalacións á disposición da Asociación de Veciños de Ribadetea. A concellería dirixida por Garrote fixo unha supervisión continuada da obra, recollendo e aplicando “algunhas propostas de mellora suxeridas pola propia asociación de veciños nas diferentes visitas que se realizaron ao longo destes tres últimos meses”. A concelleira asegurou que esta supervisión “será unha constante durante todo o mandato con todas e cada unha das obras que se desenvolvan na vila”.

Trátase dunha mellora que contou cun orzamento de case 68.000 euros financiados a través do Plan de Obras e Servizos da Deputación de Pontevedra. As actuacións contemplaron a modificación dalgúns tabiques de ladrillo cerámico para a creación de espazos de maior tamaño, respectando os usos que xa tiñan antes do inicio da obra.

Os traballos tamén recolleron a execución de instalacións de fontanería e saneamento, ademais da instalación eléctrica en toda a planta. Procedeuse, asemade, á cuberta dos tabiques interiores e da cara interior da fachada con proxectado de fonolita e a instalación dun falso teito con placas de xeso laminado.

As obras incluíron a instalación de elementos de iluminación en todas as dependencias e todos os traballos de carpintería que se desenvolveron no interior foron realizados con madeira de carballo.