Realizados os traballos técnicos previos para crear o aparcamento en Granitos de Galicia

Tras lograr recentemente a cesión de 7.300 m2 do solar onde se ubicaba Granitos de Galicia e Aceros del Tea o Concello de Ponteareas realizou xa os traballos técnicos para a creación dun aparcamento de vehículos en superficie. Segundo informa o alcalde Xosé Represas, desbrozouse a parcela, redactouse o estudo de control de solos e augas, que foi remitido á Xunta de Galicia, malia non ser obrigatorio, e realizouse un levantamento topográfico do terreo.

Con estes traballos o alcalde estima que “en cuestión de días contaremos xa co proxecto de acondicionamento do solar como aparcamento” e poderemos contratar as obras necesarias para a súa posta en funcionamento á maior brevidade posíbel.

Con esta actuación conseguirase, segundo Represas, “desconxestionar o centro de Ponteareas e poder acometer novas humanizacións semellantes á do Paseo Matutino ofrecendo unha alternativa de estacionamento nun lugar estratéxico”. A medio prazo os terreos poderán acoller un aparcamento soterrado e, na superficie, zonas verdes e o edificio de Aceros restaurado para uso público. Para definir esa actuación definitiva realizarase un proceso participativo para que os ponteareáns acheguen as súas ideas e propostas sobre o destino e uso futuro deste importante espazo.