Quen ven disfrazado esta tarde? Nova cita co Festival Internacional de Teatro de Rúa

A concellería de Cultura e Lingua que dirixe Fernando Groba convida a seguir desfrutando esta tarde da segunda edición do Festival Internacional de Teatro de Rúa que onte arrancaba da man de Projeto EZ. dende os Xardíns da Xiralda coa colaboración da Deputación de Pontevedra.

Un ano máis, o noso festival atraxo as familias da comarca que non quixeron perderse os espectáculos itinerantes e acompañaron a Projeto EZ e a Pistacatro no primeiro día de maxia e ilusión que percorreu a praza Bugallal, o parque da Perillana e a rúa Esperanza, entre outros recunchos do centro urbano.

Circo, maxia ou monicreques con compañías chegadas de Cuba, Portugal Madrid ou Galicia polas rúas ou en escenario farán das tardes de Ponteareas un mundo de ficción. Nos número itinerantes será o público o protagonista tendo que vir disfrazado segundo sexa a temática.

O Festival continúa con Javi-Javichy, co espectáculo “El Malabarista de la Pista” ás 19.30h na Praza de Bugallal, un dos mellores malabaristas de rúa quen coa súa obra mistura técnicas circenses e moita participación e humor. Ás 19.00h. no Paseo Matutino teremos outra cita con “Dragonología”de Projeto EZ e coa colaboración de Charanga OT que se trasladarán á Praza Bugallal para viaxar ata o parque das Pombas ás 20:30 horas.

Mañá venres ás 19.00h. arrancará co espectáculo itinerante a cargo de EducaTeatro cunha ambientación circense, neste caso o público pode vir disfrazado de calquera personaxe do circo ou dos contos…ou do que lle guste. Ademáis poderemos desfrutar dunha función de títeres a cargo da compañía Mircromina Títeres coa obra “A Familia unida” ás 19.30h. no Parque da Perillana, e tamén das maxias do Gran mago Raul de Cuba ás 21.00h. no Parque das Pombas. O broche do día virá a cargo da Turres Band.

O sábado o Festival contará con “Os Porquiños van de Festa” de EducaTeatro para nos acompañar nos nosos percorridos polas rúas de Ponteareas.

Ademais poderemos desfrutar do Mago Raúl ás 19.30h. na Feira Vella e na Praza Maior ás 21.00h. un dos mellores acróbatas cómicos a nivel internacional, o gran “Wilbur” que ofrecerá un espectáculo de acrobacia e humor, unha proposta impactante tanto na técnica coma no físico de importante sona.

A festa de clausura será a cargo de EducaTeatro e os seus “Porquiños”.

Inclusivo e interactivo o II Festival Internacional de Teatro de Rúa fará que todo o público participe e se convirta nunha personaxe do mundo da ilusión grazas, unha vez máis, ao asesoramento de Luís Crespo de Teatro do Zurdo.

O Alcalde Xosé Represas, a concelleira de Ensino e Eventos, Cristina Fernández e o concelleiro de Cultura e Lingua, Fernando Groba, reafirman o seu compromiso de ter unha programación cultural e de lecer estable coa que encher as rúas de cultura e, neste caso, de teatro e de animación coas que promover a creatividade e as actividades para desfrutar en familia.