Publicadas as axudas do bono alugueiro social destinado a vítimas de violencia de xénero

A concellería de Benestar Social e Igualdade, que dirixe Verónica Carrera, adianta que hoxe veñen de publicarse no Diario Oficial de Galicia (DOG) as subvencións do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero, así como a prórroga destas axudas para todas as persoas que resultasen beneficiarias deste programa no ano 2019, con financiamento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Verónica Carrera lembra que estas axudas están destinadas a mulleres vítimas de violencia de xénero pero tamén poderán ser beneficiarios/as os e as fillas das vítimas mortais por esta causa.

Todas as mulleres que precisen tramitar as axudas poderán dirixirse ao Centro de Información ás Mulleres (CIM) no teléfono 986 644 653.

As bases poden consultarse na seguinte ligazón https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200408/AnuncioC3Q2-030420-0001_gl.pdf

A concelleira insiste na necesidade de seguir velando pola seguridade das mulleres pero tamén pola mellora das súas condicións de vida dotándoas de ferramentas psicolóxicas que reforcen a súa autoestima e facilitándolles a formación e a inserción laboral, ademais de seguir traballando na concienciación en tódolos ámbitos da sociedade para acadar unha sociedade en igualdade e rematar co terrible peso do patriarcado.