Protección Civil Ponteareas esparexeu preto de dúas toneladas de sal nas estradas municipais


O goberno agradece o traballo voluntario de Protección Civil que seguirá traballando para procurar desprazamentos máis seguros

A alcaldesa en funcións, Cristina Fdez. Davila, en nome do grupo de goberno, agradece o traballo voluntario do servizo de Protección Civil Ponteareas que nestes días desenvolve un operativo especial por mor das baixas temperaturas.

Seis voluntarias e voluntarios adicaron neste días máis de 130 horas en procurar desprazamentos máis seguros nas nosas estradas botando sal para evitar a formación de placas de xeo. En total esparexeron preto de dúas toneladas de sal. O xeo fórmase cando a auga acada os 0ºC pero a auga cun 10% de sal xea a partir de -6ºC, de aí que sexa un recurso indispensábel para facilitar o tránsito nas estradas e reducir o risco de accidente.

Mentres duren as baixas temperaturas Protección Civil seguirá desenvolvendo estes traballos tanto de día como de noite nas estradas municipais tantos nas parroquias como no centro urbano.

Protección Civil Ponteareas atendeu a demanda da veciñanza e actuou na PO-253 (Fozara), na PO-254 (Pías), na EP-4001 (entrada Toutón), na EP-4003, en Souto do Pazo e na Ermida (Pías), en Cillarga, na estrada de Couso a Guláns, na Fraga do Rei (Santiago de Oliveira), no barrio de Canedo, no Outeiro do Foxo, Padrán e nas Valiñas (Guláns), tamén en O Porto na estrada que une Guláns e Cristiñade, na zona da residencia de Guillade, no Alcázar en San Mateo, nas Cortellas, en Arnoso e en Soutelo (Celeiros), entre outros puntos.

Tamén velaron pola seguridade no centro urbano combatendo a xeada con sal na zona do auditorio, na contorna da praza Bugallal e da praza Maior e no parque da Perillana.

“Nestes días de inverno con moi baixas temperaturas pedimos a todas as persoas que extremen as precaucións ao volante e agradecemos o duro traballo realizado polo voluntariado de Protección Civil que traballa para mellorar a nosa seguridade mesmo en horas nocturnas”, engadíu a alcaldesa en funcións Cristina Fdez. Davila.