Primeiros pasos do obradoiro “Compromiso Social e Coñecer Ponteareas”

obradoiro-emprego-recepcionHoxe, no Centro de Desenvolvemento Local de  Ponteareas, tivo lugar a recepción dos aspirantes para participar no obradoiro de emprego “Compromiso Social e Coñecer Ponteareas”.

As 20 prazas ofertadas para alumnos-traballadores, (10 en cada unha das especialidades de Deseño de Produtos Gráficos e Atención Sociosanitaria en Domicilio), contaron con 60 aspirantes (3 por cada praza ofertada), segundo a sondaxe feita pola oficina de emprego de Ponteareas, entre os candidatos inscritos como desempregados.

Na xornada de hoxe, os candidatos foron informados das características do obradoiro, cumprimentando e aportanto a documentación necesaria para a fase posterior de baremación de méritos e confección de listas de admitidos, estando prevista a publicación das mesmas nos taboleiros da oficina de emprego e no CDL o vindeiro 20 de xullo.

Durante os seis meses de duración do obradoiro, os alumnos-traballadores, terán un contrato de formación, percibirán o 100 % do salario mínimo interprofesional e obterán unha titulación de certificado de profesonalidade de niveis 2, no caso de Atención Sociosanitaria, e de nivel 3 no caso de Deseño de Produtos Gráficos, tal e como se establece na orde da convocatoria dos programas mixtos de formación e emprego.

As actividades, que darán comezo ao longo do vindeiro mes de setembro, facilitarán a cualificación profesional dos alumnos-traballadores, en alternancia coa adquisición de experiencia laboral mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade pública ou interese social.

A concelleira de emprego Marisol Valado, que visitou aos candidatos, transmitiu a importancia deste proxecto, que supón máis de 200.000 euros de inversión e que pon de manifesto o compromiso por parte da Consellería de Traballo e do Concello, coa inserción laboral dos ponteareáns.