Primeira toma de contacto entre a Concellería de Comercio e Asociación de Comerciantes Tea

O concelleiro de Comercio, Hostalería e Consumo, Mario Lago, recolleu as primeiras impresións por parte dos comerciantes

O encontro tamén contou coa presenza de Benito Márquez, concelleiro de Novas Tecnoloxías, e de María Jesús Garrote, primeira tenente de alcalde

comerciantes-teaO novo concelleiro de Comercio, Mario Lago, e varios membros da Asociación de Comerciantes do Tea, mantiveron un primeiro encontro que serviu para que o concelleiro manifestara o total compromiso por parte do consistorio para axudar e fomentar o comercio local en todo o que sexa posible.

Unha das primeiras cuestións que se abordaron estivo relacionada coa Feira de Oportunidades que terá lugar en Ponteareas o vindeiro 8 de agosto. Lago mostrou a intención de colaborar coa Asociación na organización deste evento, chegando a concretar algúns puntos relacionadas cun mercado que aglutinará máis de 40 postos diferentes.

A reunión, que se produciu nun ambiente de absoluta cordialidade, permitiu que os comerciantes trasladaran algunhas das súas principais inquedanzas e comentaran aqueles puntos que poderían ser obxecto de mellora.

O grao de consenso en varias das propostas foi bastante alto. O concelleiro tamén quixo expresar algunhas das súas ideas, orientadas sobre todo a modernizar a imaxe dos mercados na rúa e a conseguir que a súa actividade poida atraer a comerciantes alén das fronteiras da vila do Tea.