
A concellería de Deportes que dirixe Benito Márquez felicita ao Club Natación Ponteareas por este ano de traballo e éxitos deportivos e convida a toda a cidadanía a asistir ao Campionato Galego de Natación de Longa Distancia que terá lugar este sábado día 15 de decembro.
O Club Natación Ponteareas organiza xunto á Federación Galega de Natación o XV Campionato de Longa Distancia que estará estruturada en dúas sesións, de mañá e tarde, comezando a competición ás 11 horas e ás 17 horas respectivamente. As nadadoras e os nadadores que acrediten a marca mínima requerida para participar mediránse, en función da súa categoría, en 2.000 e 3.000 metros libres.
No campionato están inscritos, entre outros, a nadadora olímpica do Club Natación Galaico (Pontevedra) María Vilas Vidal, o campión de España de augas abertas e medalla de bronce no campionato de España de longa distancia, Pablo Cabana del Amo e a campiona de España de augas abertas e primeira española na pasada edición da Mediterranean Open Water Cup Andrea Domínguez Casabella, ambos do Club Natación Ponteareas.
Un total de 96 nadadores e nadadoras que se enfrontarán á longa distancia buscando as primeiras posicións individuais, marcas que lle permitirán acceder ao campionato de España da modalidade e decidir tamén o club que se proclamará campión de longa distancia de Galicia.
A entrada ao complexo deportivo Álvaro Pino para presenciar este espectáculo deportivo é de balde e ata completar aforo.