O Salón de Plenos da Casa do Concello acollerá a presentación do libro do compositor ponteareán Rogelio Groba Groba, titulado “Mi obra musical comentada”, no que se recolle toda a súa produción musical con breves apuntes sobre cada unha das súas composicións realizados polo propio autor. Dende que en 1952 asinou a súa primeira composición, un pasodobre titulado “Añoranzas de xuventude”, ata a actualidade, o seu catálogo aproxímase aos 700 títulos entre os que atopamos obras de diferentes estilos e xéneros, dende óperas ou sinfonías de gran formato, ata pequenas cancións corais ou pezas pianísticas, entre outras.
Coa presenza de Rogelio Groba, a presentación correrá a cargo de Alejo Amoedo, pianista e profesor, gran coñecedor da obra do compositor, quen salientará a relevancia da obra do mestre ponteareán. A continuación, Manrique Fernández, como coordinador do libro, afondará na organización interna e estructural do catálogo de obras que se presenta. Contará o acto tamén coa presenza do alcalde do Concello de Ponteareas, Xosé Represas, e coa concelleira da área de Cultura, Hortensia Bautista.
“Mi obra musical comentada” vén de ser editada pola Fundación Rogelio Groba como parte do seu programa de difusión da obra do compositor e recolle toda a súa produción musical ata a actualidade.