Presentación do campionato galego máster de verán de natación

IMG_7897 Cto másterO próximo domingo día 1 de xuño, Ponteareas acolle por segunda vez neste ano o mellor evento de natación en categoría máster (veteranos) coa celebración do campionato autonómico de dita modalidade.

Nesta competición, poderemos ver en dúas sesións, de mañá e tarde, preto de 230 nadadores de toda a comunidade, que competirán en 27 probas diferentes. Cabe destacar o bo ambiente que se vive nesta clase de eventos, xa que o obxectivo principal é gozar da práctica  da natación competindo  con rivais de igual idade.

A organización corre a cargo do Club Natación Ponteareas xunto coa FEGAN e coa colaboración do Concello e diferentes negocios de hostalería e comercio da vila. Ao tratarse dun evento que dura todo o día, o club montará unha cantina no pavillón 1 para que os participantes poidan comer no pouco tempo que teñen para facelo. Así mesmo, aproveitarase para dar a coñecer Ponteareas entre os nadadores.

O evento foi presentado na Casa do Concello coa presenza do concelleiro de deportes, Alberto Novoa, a presidenta do Club Natación Ponteareas, Pilar Gallego e o director técnico, Andrés Carrera.