PP, ACIP e EU rexeitan aprobar o PXOM

As forzas políticas do Concello de Ponteareas pronunciáronse hoxe, na comisión de urbanismo, sobre a posible aprobación do PXOM no pleno ordinario da vindeira semana. O Partido Popular, ACIP e Esquerda Unida, que suman 11 edís, opuxéronse á aprobación do Plan mentres BNG, PSOE e A Riada do Tea, que contan con 10 edís, amosáronse a favor de aprobalo de inmediato.

O Partido Popular rexeitou a aprobación alegando que os cambios introducidos no Plan son sustanciais e que se require máis tempo para analizalos e expoñelos ao público. Coa súa postura, os populares rompen o consenso que se logrou en 2016 cando o PP, BNG e PSOE aprobaron o Plan no Pleno e o remitiron á Xunta de Galicia para a súa aprobación definitiva. Un ano despois a Xunta rexeitouno e ditou unha orde impoñendo numerosos cambios no Plan.

O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, acusou ao PP de “prexudicar a economía local e antepoñer os seus intereses políticos e electorais ao interese de Ponteareas e da veciñanza”. O Alcalde considerou lamentabeis as “excusas” do PP: “tiveron doce anos para aprobar o Plan Urbanístico e non o fixeron, tiveron un ano para convencer á Xunta para que aceptase o Plan que fora aprobado polos tres partidos en Ponteareas e tampouco o fixeron e agora que queremos aprobar o Plan que nos impón a Xunta do PP, tamén se negan”.

Represas lamentou que na comisión informativa “Belén Villar non abríu a boca nin deu a cara, encargándose Salvador G. Solla de explicar a postura do PP, unha atitude que demostra a covardía e a falta de peso político de Belén Villar que prefire esconderse detrás do exalcalde”.

Pola súa banda, a tenente de alcalde e concelleira de Urbanismo, Chus Garrote, explica que “Dende o mes de novembro que se lle entregou a documentación, antes que a ningún veciño, e que se lle deu tempo para detectar erros, non presentaron ningún documento con temas concretos. Unha vez máis reiteramos na comisión de urbanismo, que non tiveron vontade de resolver o PXOM” .

A ausencia de maioría suficiente para aprobar o Plan impide ao Alcalde levalo ao Pleno da vindeira semana, como pretendía. Represas apelou aos ponteareáns para que “poñan a cadaquén no seu sitio e dean unha maioría suficiente aos que queremos sacar adiante o Plan Urbanístico”.