Posta en valor do medio e igualdade, claves na programación do voluntariado ambiental xuvenil de Ponteareas

Posta en valor do medio e igualdade, claves na programación do voluntariado ambiental xuvenil de Ponteareas

O programa multiplicou o número de participantes dende a súa posta en marcha hai seis anos

Mocidade de entre 16 e 30 anos participa nunha morea de proxectos de dinamización e investigación e en actividades ao aire libre

A posta en valor do medio, a redución de desigualdades e a prevención de adiccións son os eixes centrais dunha nova edición do programa de Voluntariado Ambiental Xuvenil, posto en marcha polo Concello para ofrecer aos case 5.000 mozos e mozas de 16 a 30 anos de Ponteareas a oportunidade de gozar, aprender e mellorar os vínculos coa súa contorna dun xeito lúdico e alternativo. Un programa que ano a ano crece e demostra “o éxito e a importancia de iniciativas deste calado, xa que dende a súa posta en marcha en 2016 triplicamos o número de participantes a pesar do difícil que pode ser manter a implicación de rapaces e rapazas a estas idades”, como sinala o concelleiro de Voluntariado, Miguel Bouzó.

Este verán de novo mozos e mozas participan nunha gran variedade de actividades formativas, prácticas e de dinamización ao aire libre nas que se dará a coñecer un pouco máis a Rede Natura 2000 ou se abordarán cuestións como as especies exóticas invasoras, a sostibilidade, as enerxías renovábeis, os produtos de km0 ou a importancia das 3Rs: redución, reciclaxe e reutilización.

Ademais, ao longo dos vindeiros meses levaranse a cabo limpezas de monte e de río, obradoiros de reciclaxe e reutilización, talleres de enerxías renovábeis, concienciación a pé de rúa, visitas guiadas, mostraxe de flora e fauna ou o Sendeyak no río Tea, “unha das actividades máis refrescantes e que atrae cada ano a unha gran cantidade de mocidade, veciñanza e turistas”.

Outra das claves na programación desta nova edición do Voluntariado ambiental xuvenil será a prevención de adiccións a través de lecer alternativo, o traballo a prol da igualdade e a sensibilización e prevención das violencias de xénero, que se abordará a través dunha actividade de formación.

O programa ofrece unha gran variedade de actividades e aprendizaxes e implica de forma directa a todas e todos os participantes na súa execución, “favorecendo o desenvolvemento integral de mozos e mozas e poñendo en valor a nosa contorna como medio educativo, de integración, económico e de futuro”. “Facemos un énfase especial na formación da nosa poboación xuvenil, incidindo na importancia do tempo libre como recurso para que teñan coñecementos en diferentes áreas e leven a cabo moitas das súas inquietudes, combatendo o sedentarismo, axudándolles a dispoñer des espazos naturais saudábeis,  aumentando a súa autoestima e, por que non, sementando o camiño cara ás súas metas profesionais”, explica Bouzó.

O edil agradece a colaboración co programa das comunidades de montes; de asociacións de veciños e culturais; de servizos como o Distrito forestal, a estación de captura, o de vixilancia do río ou o de protección civil; do servizo de recollida de lixo; e da veciñanza que colabora na transmisión oral da posta en valor dos costumes e tradicións de cada lugar.