
Os traballos, promovidos pola concellaría de Vías, Obras e Alumeado, foron cofinanciados ao 80% polo IDAE
Cun investimento de 787.000€, supuxo unha mellora do aforro enerxético e da seguridade cidadá que beneficiou a máis de 12.600 habitantes
O centro urbano de Ponteareas xa dispón tamén dun novo alumeado máis eficiente e moderno. Ao abeiro do proxecto de renovación das instalacións de alumeado público exterior municipal, o Concello xa rematou a renovación total e substitución de todos os cadros de mando e das 1.576 luminarias desta zona da vila, “o que nos permite non só anticiparnos ás tendencias futuras en iluminación viaria que xa se están empezando a esixir para acceder a determinados fondos europeos, senón que incidirá de forma directa nun aforro enerxético e económico”, explica a concelleira de Vías, Obras e Alumeado, Chus Garrote.
A renovación do alumeado no centro urbano beneficia ás e aos seus 12.622 habitantes, mellorando tamén a seguridade cidadá en todas as rúas. O proxecto foi cofinanciado ao 80% por fondos europeos a través do Instituto de Diversificación y Ahorro Energético (IDAE) do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico.
As luminarias elixidas para esta renovación integral contan cunha tecnoloxía pioneira coa que se consegue unha redución importante da luz esparexida á atmosfera, diminuíndo a contaminación luminosa e favorecendo o confort e a saúde das persoas.
O proxecto de renovación das instalacións de alumeado exterior municipal no casco urbano supuxo un investimento de case 787.000 euros cofinanciados ao abeiro da liña de axudas a proxectos de Economía Baixa en Carbono, promovidos por entidades locais, cofinanciada con fondos europeos FEDER e xestionada polo IDAE co obxectivo de conseguir unha economía máis limpa e sostible.
A renovación nestas sete parroquias ponteareás, como explica a alcaldesa, Cristina Fernández, “permitirá un aforro do 74,5% na emisión de CO2”.
