Ponteareas urxe á Xunta a declaración do Corpus como Ben de Interese Cultural Inmaterial

Ponteareas urxe á Xunta a declaración do Corpus como Ben de Interese Cultural Inmaterial

A alcaldesa reclama unha reunión co conselleiro de Cultura para aclarar o proceso despois de que o Concello iniciara en dúas ocasións os trámites necesarios sen obter resposta algunha por parte da Consellaría

O Concello, a través da súa alcaldesa, Cristina Fernández Davila, urxe á Xunta de Galicia a declaración do Corpus Christi de Ponteareas como Ben de Interese Cultural Inmaterial. Este arte efémero, cunha arraigada tradición na vila que ven transmitíndose de xeración en xeración dende hai case dous séculos e que cada ano atrae a milleiros de visitantes, reúne todos os requisitos para ser declarada BIC Inmaterial, segundo recolle o artigo 9.3 da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia. Porén, a pesar de ter iniciado ata en tres ocasións o proceso, en 2017, 2018 e 2022, o Concello non obtivo ningunha resposta por parte da administración autonómica.

“O Corpus é o mellor reflexo de como conseguir ano tras ano crear unha grande obra de arte grazas ao traballo colectivo de todo un pobo. Por iso non entendemos que non se teñan en conta todas as solicitudes presentadas e que nin obteñamos resposta algunha sobre como está calquera dos expedientes presentados”, recalca a rexedora.

Por este motivo, Fernández Davila remitiu un escrito á Consellaría de Cultura,  Educación e Universidades para solicitar unha reunión co conselleiro á maior brevidade posíbel na que abordar calquera problemática xurdida nas solicitudes e “poder transmitirlle directamente a importancia desta declaración para o colectivo de alfombristas, para este Goberno local, así como para o resto da veciñanza de Ponteareas, buscando a implicación da Consellaría nesta cuestión prioritaria”.

A alcaldesa lembra que no ano 2017 entregouse en man a solicitude de declaración de BIC Inmaterial do Corpus Christi de Ponteareas á Dirección Xeral de Turismo dirixida naquel entón por Nava Castro e que en febreiro de 2018 se lle remitiu á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural o expediente con toda a documentación, incluíndo a memoria con material gráfico histórico e imaxes dos principais puntos de interese do Corpus. Ambas solicitudes non obtiveron resposta algunha.

En maio de 2020, sen ter noticias sobre o estado da solicitude, o Concello enviou un escrito á Consellaría pedindo información sobre a tramitación do expediente. O Goberno local reiterou en marzo de 2022 a súa solicitude sobre o estado no que se atopaba a petición de declaración de BIC Inmaterial do Corpus de Ponteareas e sobre a documentación precisa para continuar coa tramitación, petición que se repetiu en abril de 2022. Xa en xullo deste mesmo ano, o Concello presentou unha nova solicitude de declaración de BIC Inmaterial ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural na que se achegaba de novo todos os documentos de investigación enviados nas ocasións anteriores.