Ponteareas únese baixo o mesmo paraugas para reivindicar os dereitos das persoas con discapacidade

Ponteareas únese baixo o mesmo paraugas para reivindicar os dereitos das persoas con discapacidade

 

A alcaldesa participou na lectura do manifesto xunto a membros da Corporación municipal, da presidenta da entidade ADAPTA e do presidente de COGAMI Pontevedra

 

A celebración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade contou tamén cunha andaina solidaria

 

Ponteareas sumouse á campaña de sensibilización ‘Baixo o mesmo paraugas’ para conmemorar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade e seguir reivindicando unha inclusión real. Membros de ADAPTA e COGAMI concentráronse diante do Concello xunto á alcaldesa, Cristina Fernández Davila; a membros da Corporación municipal; a presidenta da entidade ADAPTA, Montserrat Cuevas; e ao presidente da Federación COGAMI Pontevedra, Ángel Holguera, durante a lectura do manifesto que servía de arranque a unha programación de actividades coas que visibilizar esta realidade e reclamar medidas que garantan os dereitos das persoas con discapacidade para estar en igualdade de condicións co resto da sociedade.

 

A reforma e actualización da Constitución no que se refire á protección e promoción das persoas con discapacidade “dota dun novo contido ao artigo 49 con arranxo aos conceptos, valores e propósitos que hoxe configuran un entendemento e práctica apropiados dos dereitos e deberes das persoas con discapacidade,  incluídas mulleres e nenas, ás que nomean expresamente”. Non obstante, como salientou a alcaldesa na lectura do manifesto, é momento de dar un paso máis e traballar “para perfeccionar o texto de partida e apoiar á primeira reforma social da Constitución española, que vén da man das persoas con discapacidade e das súas familias e que non pretende senón facer do noso país un proxecto máis suxestivo e decente de vida en común”.

 

Coa lectura do manifesto reivindicáronse os dereitos das persoas con discapacidade. Como explicou a presidenta de ADAPTA, “como parte valiosa da familia humana e das comunidades sociais e políticas nas que esta se organiza, as persoas con discapacidade deben ter reflexo nas Constitucións dende un enfoque esixente de dereitos humanos, que garanta a súa inclusión, participación e benestar, sen discriminacións nin relegacións de ningún tipo”.

 

Esta xornada conmemorativa completouse cunha andaina solidaria dende o Regato da Venda, ao carón das pistas do pavillón municipal Álvaro Pino, ata o Centro Asprodico, onde a Asociación de Persoas con Discapacidade das Comarcas do Condado e Paradanta (ADAPTA) realiza as súas actividades e presta os seus servizos. A andaina, aberta a toda a veciñanza, remata coa plantación dunha árbore nas instalacións de Asprodico como símbolo do proxecto que a entidade está iniciando e que agarda que creza co tempo.