Ponteareas, un exemplo de como recuperar o espazo público para as persoas nos ‘Obradoiros Ágora’

Ponteareas, un exemplo de como recuperar o espazo público para as persoas nos ‘Obradoiros Ágora’

A vila acollerá a última xornada desta iniciativa formativa para persoal técnico e político posta en marcha pola Deputación de Pontevedra

Persoal técnico e político dos concellos da provincia de Pontevedra visitarán este xoves 10 de novembro Ponteareas para analizar in situ as obras realizadas na vila para a recuperación do espazo público. O concello convértese así en exemplo de caso real de cales son as mellores fórmulas para priorizar á veciñanza fronte aos vehículos e de converter os espazos públicos en zonas de lecer, estancia e desfrute para as persoas. Serán ao abeiro da última sesión dos ‘Obradoiros Ágora’, unha iniciativa posta en marcha ao abeiro da Facultade Ágora da Deputación de Pontevedra para formar mediante o debate colectivo e en grupo e achegar de forma concreta e práctica aos municipios os coñecementos necesarios e visibilizar como se vai plasmando esta nova filosofía nos Concellos Ágora.

Esta xornada, á que asistirán persoal técnico e representantes públicos, Ponteareas explicará o modelo de mobilidade que está a impulsar na vila, impartirase de 09.45 a 13.00 horas na sala multiúsos do auditorio municipal para, xa pola tarde, ás 16.00 horas, saír á rúa para unha visita guiada polo centro urbano. Dende o Concello salientan a importancia de celebrar no municipio “unha xornada de moito interese e moi recomendábel para entender o que se está a facer en Ponteareas, os obxectivos que se perseguen e os resultados que xa se están a obter”.

Entre as zonas que se analizarán durante a xornada estarán o núcleo da vila, no que se teñen realizado actuacións de urbanismo táctico e tamén obras definitivas, como a Praza Maior, a Praza de Bugallal ou a contorna do Mercado municipal. Tamén se abordarán, entre outros, proxectos que seguen a filosofía Ágora, como os das rúas Constitución, Concha Brey, Senén Cándido, Reveriano Soutullo ou Morales Hidalgo.