Ponteareas transforma a contorna do centro de saúde e do complexo deportivo, recuperándoo para as persoas

A alcaldesa Cristina Fernández e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, visitaron esta mañá a zona, na que se investiron máis de 400.000€ financiados con fondos propios e ao abeiro do programa DEPOREMSE

 

A actuación permite contar cun renovado anel urbano de 35.000 metros cadrados, potenciar a mobilidade peonil e transformar unha das portas de entradas da vila

 

Ponteareas pode xa desfrutar dun renovado anel urbano de equipamentos, 35.000 metros cadrados de actuación que permitiron recuperar espazos para as persoas na contorna do complexo deportivo Álvaro Pino e do centro de saúde, potenciando a mobilidade amable e a seguridade viaria. Unhas obras de mellora que tiñan por obxectivo renovar o espazo público, mellorar a mobilidade peonil e transformar unha das portas de entrada a Ponteareas, que estaba moi degradada e visualmente desordenada.

 

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, visitaron este mércores esta contorna remodelada, na que se investiron máis de 400.000 euros financiados nun 20% por fondos propios municipais e nun 80% ao abeiro do Plan de Remodelación e Mellora de Seguridade dos viarios municipais (DEPOREMSE) do organismo provincial. “É un claro exemplo do que se pode conseguir para a veciñanza unificando forzas e esforzos por parte de dúas administracións públicas”, salientou a rexedora.

 

Con esta acción de recuperación do espazo público para as persoas regulouse a mobilidade da contorna do complexo deportivo e do centro de saúde, que permitiu “gañar máis espazos para o lecer e o esparexemento e favorecer espazos de convivencia dando seguridade á veciñanza que percorre o lugar a pé ou en bicicleta, fomentando un xeito de vida máis san e coidando o medio ambiente, xa que diminuímos o uso de vehículos e a emisión de CO2”. De feito, a zona conta agora con aparcadoiros de bicicleta para fomentar outro tipo de mobilidade. Ademais, a renovación foi acompañada dun traballo de mellora da iluminación e da apertura de amplas zonas axardinadas, con numeroso arborado que garante a sombra, novo mobiliario urbano e zonas de estancia con bancos, o que permitirá desfrutar á veciñanza desfrutar da contorna.

 

Para a presidenta da Deputación, Carmela Silva, a mellora da contorna camiña na senda da “mobilidade amable, promovendo que os protagonistas do espazo público sexa a propia veciñanza”. “Aquí desenvolvéronse valores de mobilidade sostible cunha estética que fai moi atractivo para calquera persoa achegarse ata a zona. Porque temos que pasar do discurso da sostibilidade á acción”, asegurou.

 

Esta actuación conecta dunha forma segura e amábel a senda do Regato da Venda coa Senda do Tea e incluíu a creación dunha senda de arredor de 700 metros na rúa Canteiro Xosé Cerviño que chega ata o barrio das Cachadas, favorecendo a mobilidade peonil e ciclábel.

 

Para afondar na mellora da mobilidade, os traballos de remodelación da zona foron acompañados dun Plan de Mobilidade específico que permitiu a reordenación do tráfico mantendo as prazas de aparcamento e a implementación dunha zona de estacionamento por tempo limitado que multiplicará as prazas de estacionamento dispoñibles na contorna. Ademais, na zona de servizos que rodea o complexo deportivo Álvaro Pino creáronse 5 prazas de estacionamento de máximo 10 minutos dirixidas a facilitar que os veciños e veciñas poidan realizar as súas xestións nos diferentes servizos existentes na zona.

 

Alcaldesa e presidenta estiveron acompañadas na visita polo deputado de Cooperación cos Concellos e Asistencia Intermunicipal, Santos Héctor;  o concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera; a concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote; a edil de Benestar Social e Igualdade, Verónica Carrera; e o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó.