Ponteareas tínguese de negro

O Concello de  Ponteareas a través da concellería de Benestar Social, Igualdade e Mocidade que dirixe Verónica Carrera súmase á campaña “En Negro contra as Violencias 2018” que se porá en marcha con motivo do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

O vindeiro luns día 12, a concelleira de Benestar Social e Igualdade e a concelleira de Participación Cidadá, Cristina Fernández, estarán na sinatura do protocolo de colaboración para o desenvolvemento da campaña En Negro Contra As Violencias’ que terá lugar ás 12 da mañá no Pazo de Raxoi en Santiago de Compostela.

Verónica Carrera explica que esta campaña de sensibilización pretende chegar a todos os segmentos da poboación implicando dende a comunidade educativa ao comercio, colectivos sociais e veciñais, empresas…”a igualdade é cousa de todos e de todas, debemos cambiar costumes e actitudes, por iso é preciso involucrar a toda a poboación”.

O goberno de Ponteareas súmase a esta campaña na que ademais de executar as accións aportará o material e o apoio técnico preciso facendo que durante uns días Ponteareas se tinga de negro cor elexida pola campaña aínda que sexa a cor violeta a que representa esta necesaria reivindicación. 

A concelleira convida a toda a veciñanza a vestirse de negro e a participar nas diferentes actividades que se organizarán e que irán sendo difundidas na web e redes sociais do concello de Ponteareas. 

Dende o seu inicio no 2015, esta campaña foise expandindo por toda Galicia, e hoxe son xa máis de cen concellos adheridos e 3 deputacións provinciais. No 2017, a participación de establecementos, negocios, asociacións, centros educativos, e axentes sociais foi masiva. Así, os comercios e lugares públicos cubriron os seus espazos co material da campaña, que en letras brancas sobre fondo negro, co logotipo creado especialmente pola deseñadora Uqui Permui, reflectían a orixe da violencia machista e as súas consecuencias; as redes sociais foron durante días un espazo de denuncia.