Ponteareas aproba o plan de acción para a enerxía sostíbel e o clima (PACES)

O Concello de Ponteareas vén de aprobar o plan de acción para a enerxía sostíbel e o clima (PACES), iniciativa necesaria para conseguir a sustentabilidade enerxética e a adaptación ao cambio climático no noso Concello.

Aprobado por unanimidade no último pleno ordinario, Ponteareas inicia os trámites para formalizar a adhesión ao PACES e dar, así, un paso máis na redución das emisións de CO2 comprometéndose en acadar un 40% menos de emisións ata 2030 mediante o aumento da eficiencia enerxética e un maior uso de fontes de enerxía renovábeis.

Ponteareas traballará na promoción de medidas para a adaptación ao cambio climático mediante a creacións de plans de acción en favor da enerxía sustentábel e o aumento da resiliencia fronte ao cambio climático.

Entre as primeiras medidas estará a elaboraciòn dun inventario de emisións de referencia e unha avaliación de riscos e vulnerabilidades derivados do cambio climático, como base para o Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentable no que resuman as accións clave.

No prazo de dous anos Ponteareas presentará o seu plan para a súa supervisión e verificación do proceso. Unha vez desenvolto o plan de acción, procederase á elaboración dun informe bianual para a avaliación, control e verificación dos obxectivos, informando dos fitos acadados en cumprimento do Plan.

A nosa vila compartirá a súa experiencia e resultados con outras autoridades locais e rexionais da Unión Europea.

A adhesión ao PACES fará que se adapten as estruturas do Concello incluíndo a asignación de suficientes recursos humanos para o desenvolvemento das accións necesarias e mobilizará á sociedade para que participe nas accións do plan.

Este primeiro documento PACES foi realizado co apoio da Xunta de Galicia a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.