Ponteareas súmase á loita pola igualdade das persoas LGTBIQ+

Ponteareas súmase á loita pola igualdade das persoas LGTBIQ+

 

O Concello convida a toda a veciñanza a participar na concentración que se organizarán o vindeiro luns 28 diante da Casa Consistorial, na que se dará lectura a un manifesto

 

Ponteareas conmemora o vindeiro luns 28 o Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+ con actividades coas que visibilizar a este colectivo en todos os ámbitos da vida cotiá e sumarse así á celebración, denuncia e reivindicación da diversidade sexual e de xénero.

 

Ponteareas súmase á loita pola igualdade das persoas LGTBIQ+A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Verónica Carrera, anima a toda a veciñanza a participar na concentración que se celebrará ás 12.00 horas diante da Casa do Concello en colaboración coa plataforma POD Ponteareas, na que se procederá á lectura dun manifesto. O acto rematará cunha pequena actuación.

 

Esa loita pola igualdade e a dignidade tamén quedará reflectida nun mural que varios membros da plataforma realizarán ao lado da fonte situada na rúa de Abaixo e que se poderá visibilizar dende a N-120. Ademais, durante este mes de xuño o balcón da Casa Consistorial estará decorada coas cores oficiais da bandeira.

 

“En pleno século XXI aínda hai moitos países no mundo nos que a diversidade sexual non é que non sexa unha opción, senón que está perseguida e criminalizada por parte da lei, das autoridades e mesmo da sociedade. Estamos na obriga de continuar loitando para acadar esa igualdade, porque a sociedade aínda está lonxe de aceptar unha situación que debería estar normalizada hai moito tempo”, destaca a concelleira.

 

A Plataforma Orgullosa e Diversa de Ponteareas (POD Ponteareas) é unha agrupación de recente creación que xorde das inquedanzas da veciñanza no activismo LGTBIQ+. As persoas participantes organizan accións dirixidas ao recoñecemento da diversidade para visibilizar e reivindicar os dereitos do colectivo ao tempo que xeran redes de coidado entre elas.