Ponteareas súmase á condena dos últimos casos de violencia machista

Ponteareas súmase á condea dos últimos casos de violencia machista

 

O Concello de Ponteareas sumouse este luns 14 ao chamamento da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para realizar unha concentración silenciosa en sinal de repulsa polos últimos e numerosos casos de violencia machista e violencia vicaria acontecidos en todo o estado. Ducias de persoas gardaron un minuto de silencio diante da Casa Consistorial para expresar a súa clara e firme repulsa por todos os crimes de violencia machista perpetrados.

 

A Concellaría de Benestar Social e Igualdade habitualmente convoca a persoal político, á veciñanza e a persoal municipal ás concentracións de repulsa cando se trata de vítimas galegas, seguindo o protocolo acordado por todos os grupos municipais. Non obstante, nesta ocasión uniuse á petición da FEMP a todos os municipios de España tras o suceso das pequenas Anna e Olivia, de Rocío ou das cinco mulleres e dun neno asasinados no último mes e “seguir loitando sen descanso contra a violencia machista”, destacou a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

 

Dende 2013, en España foron asasinados 41 nenos e nenas e 1.096 mulleres por violencia machista. Dende o Concello quérese trasladar o pésame ás familias das vítimas e, como asegurou a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Verónica Carrera, “amosar a nosa sensibilidade con esta grave problemática que vulnera os dereitos de mulleres e menores e expresar o noso máis enérxico rexeitamento a todos os crimes de violencia machista”.