As taxas que o alumnado paga financia só o 35% do servizo prestado e o resto debe financialo o Concello de Ponteareas con recursos propios, un Conservatorio Profesional que ten un área de influencia na contorna de 80.000 habitantes
A comparativa do custo dos estudos na vila do Tea en relación cos conservatorios dependentes da Consellaría de Educación evidencia un agravio comparativo existentes entre o alumnado das diferentes administracións
O Conservatorio Profesional de Música “Reverian Soutullo” de Ponteareas é un centro público no que se imparten as ensinanzas de réxime especial, conducentes a titulación oficial na especialidade de Música. Depende economicamente na actualidade do Concello de Ponteareas. Conta con 19 profesores de música, 1 administrativo e imparte 15 especialidades.
O Goberno local propón solicitar á Xunta de Galicia que asuma a xestión e financiamento do conservatorio, dado que as taxas que o alumando paga non chega a financiar o 35% do seu custe e o resto debe financiarse con recursos propios do Concello. A maiores, o custe dos estudos no Conservatorio Profesional de Ponteareas para o alumnado chega a ser o triple en comparación cos Conservatorios de Música da Consellería de Educación.
Cabe sinalar tamén que a ensinanza musical regrada é unha competencia impropia da administración local e a súa área xeográfica de máis de 80.000 habitantes é semellante a de outros conservatorios da Consellería. O centro educativo sitúase nun punto estratéxico no mapa, que favorece a súa proxección no sur de Galiza e norte de Portugal. A súa área de influencia abrangue os municipios da comarca do Condado, a Paradanta e a Louriña. A metade do seu alumnado vive no núcleo urbano de Ponteareas, un terzo nas parroquias, mais o restante vén a estudar música desde concellos veciños como A Cañiza, Arbo, As Neves, Covelo, Mondariz, Mondariz-Balneario, O Porriño, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Troporiz (Monção, Portugal) ou Vigo. O 19 % do alumnado non pertence ao Concello de Ponteareas dos 200 matriculados no presente curso académico 2016/17.