Ponteareas solicitará a súa adhesión á Área Metropolitana

O goberno local pedirá unha entrevista cos diferentes órganos implicados para manifestar a súa intención de participar neste ente supramunicipal dende o momento inicial

concelloO Concello de Ponteareas solicitará a adhesión do municipio á Área Metropolitana de Vigo, tal e como decidiu o goberno municipal na Xunta de Goberno Local celebrada o pasado luns, 26 de outubro.

Ponteareas pedirá unha entrevista co presidente da Xunta de Galicia, co alcalde de Vigo e co Director Xeral de Administración Local para comunicar o interese do consistorio en participar na Área Metropolitana de Vigo dende o momento inicial e para coñecer as previsións nos vindeiros meses en relación á reforma da Lei da Área Metropolitana.

Estas reunións servirán tamén para que o executivo ponteareán manifeste como unha das súas prioridades a incorporación de Ponteareas ao sistema de transporte metropolitano, cuxos custos comezaron a ser analizados pola Dirección Xeral de Mobilidade no pasado mes de maio, sen que ao longo destes cinco meses o Concello de Ponteareas recibira ningunha comunicación relacionada cos resultados dese estudo.

Un concello que non pode quedar fóra

Ponteareas, ademais de ser a capital comercial e de servizos da comarca do Condado e en boa medida tamén da comarca da Paradanta, ten, asemade, unha relación fundamental no día a día coa cidade olívica e a súa área metropolitana.

A Área Metropolitana de Vigo conta actualmente con 12 concellos adheridos, entre os que se atopa Salvaterra de Miño, limítrofe con Ponteareas. Ademais, outros municipios da comarca do Condado xa manifestaron a súa intención de unirse, como é o caso de Mondariz.

Por todo isto, tanto o alcalde, Xosé Represas, como a concelleira de Mobilidade, Vanesa Fernández, consideran que “o Concello de Ponteareas non pode deixar pasar a oportunidade de aproveitar as vantaxes que a construción deste ente supramunicipal pode aportar á veciñanza da vila”.

Esta decisión vai encamiñada a “sacar partida dos múltiples beneficios que a área viguesa pode supoñer para os concellos que formamos parte dela. Servizos como a recollida de residuos, o saneamento, o mantemento e a ampliación da rede viaria ou o transporte público poderían verse notablemente mellorados”.