Ponteareas solicita unha reunión urxente con Demarcacións de Estradas do Estado para garantir a seguridade dos peóns na N-120

O goberno local faise eco da indignación veciñal existente “tralos moitos incumprimentos acontecidos e a enorme cantidade de demandas realizadas por diferentes colectivos das parroquias afectadas”

“Este grao de inseguridade na N-120 non pode continuar, as demandas dos veciños están plenamente xustificadas, pois estamos a falar de que en varios casos tivemos que lamentar a morte dalgunhas persoas, como o sucedido nos últimos días coa morte dunha moza no cruce da estrada á igrexa de Xinzo coa N-120”. Coa forza desta mensaxe xustifican o alcalde, Xosé Represas, e a concelleira de Mobilidade, Vanesa Fernández, a petición dunha reunión urxente que o Concello acaba de transmitir a Demarcacións de Estradas do Estado en Pontevedra para abordar medidas inmediatas que garantan a seguranza dos peóns en diversos puntos desta estrada.

A estrada N-120 cruza a zona máis poboada do Concello de Ponteareas, atravesando as parroquias de Xinzo, Arnoso, Areas, Ponteareas, Fontenla, Arcos, Santiago de Oliveira e San Lourenzo de Oliveira. Trátase dunha vía que soporta diariamente unha elevada carga de tráfico local e comarcal, situación que incluso provoca grandes retencións nas horas punta.

Esta carga de tráfico, cun asentamento de poboación moi próximo a esta estrada N-120, leva aparellado “en demasiadas ocasións” situacións de grave risco con moitos lugares cunha elevada concentración de accidentes, “algúns deles tráxicos, como o falecemento da rapaza previamente mencionado”.

Estes accidentes son consecuencia de non contar cos elementos de protección e seguridade viaria necesarios para os peóns nunha estrada que, tal e como recolle o PXOM recentemente aprobado, é unha travesía urbana de Xinzo á Arcos, polo que “falamos dun contexto no que os peóns deben ser a prioridade e non os vehículos”, apuntou Represas.

A falta de iluminación en moitos dos tramos poboados, a falta de beirarrúas, o exceso de velocidade por falla de limitacións a nivel de tráfico urbano, a carencia dunha vía de conexión da A-52 coa N-120 e o núcleo urbano de Ponteareas, son só unha parte dos problemas que levan provocado os gravísimos accidentes dende hai décadas, sen que por parte do Ministerio de Fomento se adoptasen as medidas precisas, “e iso que en numerosas ocasións se teñen manifestado publicamente, por parte do Ministerio, compromisos que logo non se executan, empeorando incluso a situación da N-120 nestes anos con respecto aos anteriores”.

Para tratar esta situación e a busca de solucións para acabar co enorme problema de seguridade viaria, especialmente para os peóns, no tramo da N-120 ao seu paso por Ponteareas, o goberno municipal de Ponteareas vén de aprobar en Xunta de Goberno Local á realización dunha reunión urxente na Demarcación de Estradas do Estado en Pontevedra.