Ponteareas solicita un obradoiro de emprego

OBRADOIRO EMPREGOO concello de Ponteareas, ven de presentar perante a Consellería de Traballo, o proxecto para conquerir, un obradoiro de emprego.

O obxectivo deste proxecto, será a formación de 45 desempregados, nas especialidades de: Atención Sociosanitaria a Persoas no Domicilio, Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes e Deseño de Material Gráfico para a Promoción Cultural e Turística.

Estes obradoiros de emprego concíbense como programas mixtos de formación e em­prego que, promovidos por entidades locais, están dirixidos a mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas de dezaoito ou máis anos de idade, a través da súa cualificación profesional en alternancia coa adquisición de experiencia laboral mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade pública ou interese social.

O alcalde da vila, Salvador González, destaca  a importancia deste proxecto no que “se abre unha oportunidade de inserción laboral para moitos desempregados, e matiza o esforzo, na  inversión requerida, que ronda os 408.000 euros, entre as aportacións da xunta e do concello”.

Este obradoiro de emprego  denominado “Compromiso Social e Coñecer Ponteareas”, que se preparou dende a Concellería de Emprego, que dirixe Marisol Valado, prantexa a creación de tres módulos formativos, para dar cabida a 45 desempregados do municipio, durante un período de seis meses, nos que os participantes recibirán formación teórica e práctica, mediante a realización de traballos de interés social para o concello, baixo a modalidade de contratos de formación e aprendizaxe.

Presentamos un proxecto moi elaborado e detallado, polo que espero poder poñer en marcha, este obradoiro canto antes” comenta Valado, quen engade que “é unha iniciativa moi importante, tanto dende o punto de vista formativo, como da inserción laboral, sobre todo tendo en conta que estos proxectos, son moi necesarios e benificiosos para concellos como o noso”

Despois da formación teórica, que se fará, nas recentemente remodeladas instalacións do CDL, desenvolverase o traballo práctico, que consistirá en actuacións, en tres importantes áreas de interés social: prestar apoio as persoas que o necesiten, en coordinación co Servizo de Axuda o Fogar Municipal e tamén as persoas dependentes en institucións, en coordinación coa Residencia da Terceira idade. Do mesmo xeito,  a actuación do terceiro módulo será: o deseño de material gráfico de todo tipo para os eventos culturais e de promoción turística de Ponteareas mais importantes.