Ponteareas solicita á Xunta que realice as obras que precisa a estación de autobuses

A tenente de Alcalde, Chus Garrote, e a concelleira de Seguridade Cidadá e Transportes, Vanesa Fernández, reunirónse onte co Director Xeral de Mobilidade, Juan Alberto Herrador, para esixir a reforma da estación de autobuses de Ponteareas que dende o ano 2011 está en mans do concello asumindo competencias e afrotando un gasto que non lle corresponde.

As concelleiras socialistas presentaron ao director de Mobilidade un estudo de mantemento e acondicionamento da estación de autobuses no que se corrixen as deficiencias actuais podendo executarse as actuacións ou de xeito conxunto ou individual asumindo cada unha das administracións unha parte.

Garrote e Fernández solicitan á Xunta que asuman os gastos de mellora para compensar todos os costes xerados ao concello nestes anos de xestión. 

“En Santiago puxemos enriba da mesa unha alternativa viable no que deixamos a porta aberta a unha colaboración estreita para a mellora dun servizo básico para a cidadanía seguindo na liña da participación e colaboración coas administracións públicas propondo asumir cos nosos fondos o cincuenta por cento da inversión necesaria xa que entendemos que hai unha parte de mantemento que ten que asumir a Xunta e a de novos usos o concello”, matiza Garrote.

A Tenente de Alcalde entregou, por un lado, o informe das obras de mantemento que lle corresponde a Xunta e, por outro lado, un informe dos ingresos e gastos dende 2011 que xustifica o déficit xerado e que solicita que se compense en obras, propostas polo concello nese estudo, para adecentar o uso de locais que son necesarios para colectivos e servizos municipais. 

O goberno esixe que cumpran os compromisos adquiridos por escrito en 2013 no que dicían asumir o déficit que agora se reclama. 

O director xeral acolleu ben o proxecto presentado polas concelleiras de Ponteareas no que se contemplan obras de mantemento e mellora da envolvente térmica, eliminación de humidades, acondicionamento dos aseos, construción dun aseo adaptado, reforma da distribución interior para un mellor aproveitamento do espazo, renovación da instalación eléctrica, colocación de novos puntos de luz, climatización das salas pechadas e obras de mellora do exterior do edificio encamiñadas a incrementar a seguridade e funcionalidade do entorno. 

Tanto Vanesa Fernández como Chus Garrote insistiron na importancia de dar uso ás salas que están vacías reconverténdoas en espazos de utilidade social ou administrativa.

“Non podemos continuar asumindo competencias e gastos que non son propias da nosa administración pero somos conscientes que é moito máis útil e operativo reinvertir os cartos que debería devolvernos a Xunta de Galicia en mellorar a propia infraestrutura e sacarlle partido aos moitos espazos que durante estes anos non tiveron actividade e que son tan necesarios para desenvolver actividades a veciñanza”, matiza Vanesa Fernández.

A edil de seguridade cidadá engade que “non se pode mirar cara outro lado e ter no esquecemento unha infraestrutura de tanta repercusión social. Dende o 2011 o concello carga cun gasto da Xunta que agora deben compensar”.