Ponteareas segue apostando pola compostaxe

Ponteareas segue apostando pola compostaxeO Concello conta cun mestre composteiro municipal ao abeiro do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra

 

Ponteareas continúa coa súa aposta pola compostaxe no municipio. A través do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra, o Concello conta cun mestre composteiro propio para atender aos centros de compostaxe comunitarios e colaborar co departamento de Medio Ambiente que dirixe Rosa Covelo na xestión de residuos.

 

A aposta pola compostaxe e a reciclaxe dos residuos do Concello ten por obxectivo “un tratamento sostible, ecolóxico e eficiente dos resiudos, ao tempo que reducimos a cantidade de lixo que Ponteareas xera para o seu tratamento en planta, que representa un importante custe anual”, explica Covelo.

 

Este mestre composteiro foi contratada dentro das subvencións da Deputación de Pontevedra destinadas aos concellos adheridos ao Plan Revitaliza e que supón o financiamento ao 100% do traballo do técnico durante o segundo semestre de 2021.

 

O labor do técnico céntrase na revisión e control periódica dos centros de compostaxe comunitarios situados nas prazas da Perillana e da Feira Vella, así como colaborar nun estudo para a posible localización dun novo composteiro de 800 litros na residencia de anciáns de Santa Ana. Dentro da súa colaboración co departamento de Medio Ambiente, é o responsable do fronte do proxecto ESTRAEE para a xestión dos RAEEs, atende e resolve dúbidas da veciñanza sobre a compostaxe individual ou comunitaria e a xestión de residuos, dá apoio na retirada de vehículos abandonados ou abre expedientes, notifica e informa de posibles vertedoiros incontrolados, entre outros.