Ponteareas, satisfeita coa próxima entrada en vigor das novas limitacións de velocidade en vías urbanas

Mera lembra que as medidas que agora se aplicarán en todo o Estado xa foron implantadas en Ponteareas hai un ano e con críticas

O Concelleiro de Mobilidade e Tráfico de Ponteareas, Roberto Mera, participou este martes na presentación telemática do manual de aplicación dos novos límites de velocidade en vías urbanas, elaborado pola Federación Española de Municipios e Provincias e a Dirección Xeral de Tráfico.

O vindeiro día 11 de maio entrarán en vigor en todo o Estado español os novos límites de velocidade en vías urbanas e travesías, que establecen como velocidade máxima a de 20 km/h en vías de plataforma única, 30 km/h vías cun único carril por sentido de circulación e 50 km/h en vías de dous ou máis carrís por cada sentido de circulación. Estas velocidades pódense reducir por decisión dos concellos e só se poden aumentar en casos excepcionais.

Mera lembrou que “Ponteareas se adiantou á aprobación da normativa e estableceu xa o ano pasado o límite xenérico en todas as vías urbanas municipais de 20 km/h”. No caso da Avenida de Castelao, a Xunta de Galicia, titular da vía, aceptou tamén daquela a solicitude do Concello e reduciu o límite de 50 a 30 km/h.

No acto de presentación, o Director Xeral de Tráfico, Pere Navarro, lembrou os motivos desta nova regulación sinalando que o risco de morte nun atropelo a 50 km/h é do 90% fronte ao 10% circulando a 30 km/h, pois a esta velocidade a distancia para frear o vehículo é a metade que a 50 km/h. Ademais, este límite de velocidade implica a redución á metade do ruído nas zonas urbanas e unha redución drástica da contaminación. Esta medida forma parte do lema escollido polas Nacións Unidas para a celebración da VI Semana Mundial para a Seguridade Viaria que se celebrará do 17 ao 23 de maio.

Mera sinalou que “hai un ano as nosas medidas foron criticadas por algunhas persoas, e aínda que boa parte das e dos condutores están respectando estes novos límites, algúns seguen circulando a velocidade excesiva. Agardamos que agora que é norma xeral aumente a consciencia sobre a importancia que estes límites de velocidade teñen para a seguridade e a vida das persoas e tamén para a nosa saúde”.

Mera adiantou que proximamente a Policía Local retomará os controis con radar para que toda a poboación se tome en serio estes límites que “non son caprichosos nin ocorrencias, senón que responden a unha necesidade e a un obxectivo global en todo o planeta”.