A concellería de Hostalería e Comercio, en colaboración coa Policía Local, impón multas polo alto nivel de ruído detectado a altas horas da madrugada e polo incumprimento dos horarios de instalación de terrazas
O Concello de Ponteareas sancionará a varios establecementos hostaleiros da vila por exceso de ruído e por incumprimento do horario establecido na ordenanza municipal para a instalación de terrazas na vía pública. Os feitos aconteceron durante a pasada semana e vulneran unha normativa que a concellería de Hostalería e Comercio, xestionada por Mario Lago, xa anunciou en reiteradas ocasións que ía “aplicar con máximo rigor”.
O incumprimento por parte destes establecementos tivo lugar entre semana, é dicir, no período comprendido entre o luns e o xoves. Durante o dito período, a ordenanza municipal especifica que as terrazas poden estar instaladas na vía pública até ás 01:30 horas, tendo “ao rematar o horario de funcionamento da terraza, un prazo máximo de 30 minutos para proceder á retirada de todo o mobiliario da vía pública”.
Un dos locais que será sancionados tiña instalada a terraza na rúa, segundo o informe da Policía Local, ás 04:44 horas do luns, 21 de setembro, “excedendo con creces o horario permitido” e molestando aos veciños da zona, “pois foi precisamente un deles o que avisou aos axentes a través dunha chamada telefónica”.
A normativa municipal establece que o incumprimento desta obriga de recoller o mobiliario da terraza por un tempo superior a dúas horas “constitúe unha infracción moi grave, sancionada con multa de 501,00 euros a 1000,00 euros”.
Día de San Miguel
A concellería de Hostalería e Comercio tamén ten previsto reunirse con varios hostaleiros que rexentan diversos establecementos na Praza Maior da vila polo excesivo número de mesas e cadeiras que determinados locais desta zona utilizaron nas súas respectivas terrazas durante o día de San Miguel, o cal dificultou o tránsito de peóns e a celebración dalgúns eventos previstos para este festivo local.
A intención do concelleiro neste caso non é a de sancionar, senón a de recordar a normativa vixente nesta materia. En calquera caso, se os feitos se repetiran, dende o goberno local si se quere lembrar que a instalación de elementos de mobiliario da terraza non previstos na licenza ou en número maior dos autorizados e a ocupación de superficie maior á autorizada supoñen dúas infraccións “graves, sancionadas, segundo con multas de 101,00 euros a 500,00 euros”.
O concelleiro da área, Mario Lago, quere pedir desculpas polas molestias xeradas aos veciños e veciñas da vila e promete “seguir traballando para que a instalación de terrazas non sexa causante de problemas de convivencia na vía pública entre os hostaleiros e os viandantes”.