Concello e Familias Azuis celebran o 2 de abril na Praza Maior un acto para conmemorar o Día Mundial con música, obradoiros e cun infinito humano
Ponteareas súmase este 2 de abril á conmemoración do Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo saíndo á rúa. O Concello e a asociación Familias Azuis organizan este domingo a partir das 12.00 horas na Praza Maior un acto co que “aumentar a conciencia social sobre o Trastorno do Espectro do Autismo (TEA) para que a veciñanza saiba que con pequenos xestos todas e todos podemos contribuír á inclusión de persoas con este trastorno”, como sinala a concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera.
O acto comezará coa lectura dun manifesto e ao longo da mañá o público poderá gozar da actuación musical do mozo ponteareán Raúl Cousillas Roget e participar na construción dun infinito humano. Ademais haberá animación, obradoiros infantís e unha piñata xigante para nenos e nenas grazas á colaboración de Brinca Park.
Carrera anima a toda a veciñanza a participar nesta xornada coa que dar a coñecer a realidade das persoas con autismo que, como recolle a propia campaña, “non é lineal, senón un espectro, unha condición diversa”. “É moi importante que a sociedade entenda cales son as barreiras coas que se atopan os nenos e nenas con autismo, porque iso permitirá unha mellor adaptación ás súas necesidades e reforzará a inclusión destas persoas en todos os ámbitos”, recalca a edil.
A asociación Familias Azuis de Ponteareas, que pertence á Federación Autismo Galicia, traballa na vila para mellorar a vida dos nenos e nenas con autismo. Este ano participa na campaña ‘Chamémoslle polo seu nome’, coa que se tenta visibilizar que o autismo non é lineal, senón un espectro, unha condición diversa.