Ponteareas reunirase mañá coa Dirección Xeral de Estradas do Ministerio de Fomento para tratar a seguridade na N-120

A Plataforma de Afectados pola N-120, o Goberno e os voceiros das diferentes forzas políticas con representación municipal estarán na xuntanza na Subdelegación do Goberno en Pontevedra.

O Director Xeral de Estradas do Ministerio de Fomento, Jorge Urrecho, atenderá mañá a petición da Corporación Municipal dunha reunión para tratar o grave problema de seguranza na N-120 solicitado. Ademais do Alcalde Xosé Represas e a Concelleira de Mobilidade Vanesa Fernández, asistirán representantes da Plataforma de Afectados N120, así como os voceiros das forzas políticas con representación municipal BNG, PSOE, A Riada do Tea, PP, ACIP e EU-Son.

A estrada N-120 cruza a zona máis poboada do Concello de Ponteareas, atravesando as parroquias de Xinzo, Arnoso, Areas, Ponteareas, Fontenla, Arcos, Santiago de Oliveira e San Lourenzo de Oliveira. Trátase dunha vía que soporta diariamente unha elevada carga de tráfico local e comarcal, situación que incluso provoca grandes retencións nas horas punta.

Esta carga de tráfico, cun asentamento de poboación moi próximo a esta estrada N-120, leva aparellado situacións de grave risco con moitos lugares cunha elevada concentración de accidentes. “Algúns deles tráxicos, como o falecemento dunha rapaza no pasado inverno”, explica o alcalde.

Estes accidentes son consecuencia de non contar cos elementos de protección e seguridade viaria necesarios para os peóns e condutores nunha estrada con falta de iluminación adecuada, inexistencia de beirarrúas e pasos habilitados para poder cruzar con seguridade, deficiencias nas interseccións das estradas municipais coa devandita nacional, tramos sen sinalización de limitación de velocidade. Amais, non hai unha alternativa á conexión entre a N-120, a A-52 e o núcleo urbano de Ponteareas, que diminúa o tránsito, cun índice de máis de 15.000 vehículos por día.