Ponteareas reúnese con Fomento pola seguridade viaria na N-120

O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, a Tenente de Alcalde, Chus Garrote, un representante de cada grupo da oposición e un representante de cada parroquia da plataforma veciñal pola seguridade viaria na N-120 (Xinzo, Areas e Arnoso) reuníronse hoxe co xefe de demarcación de estradas do Estado en Galicia, Ángel González del Rio. 

O goberno de Ponteareas, oposición e representantes veciñais puxeron enriba da mesa a urxencia da contratación da iluminación que o minsterio xa publicou no BOE no pasado mes de agosto.

O xefe de demarcación xustificou o retraso da tramitación a nivel de estado por parte de Facenda e Fomento e comprometeuse a que a obra estará realizada antes de final deste ano e que, previsiblemente, o comezo das obras será no mes de maio. 

O goberno e os representantes veciñais trasladaron o descontento e malestar existente ao non concretarse esta actuación e non ter sido acometidas as obras neste inverno.

Todos os asistentes á reunión expuxeron a necesidade de concretar o proxecto de mellora da seguridade viaria con glorietas e coa senda peonil nos cinco quilómetros de tramo da N-120 que transcurrren entre o centro urbano e as parroquias de Arnoso, Areas e Xinzo.

Sobre estas actuacións o ministerio adiantou que no vindeiro mes de marzo teñen previsto licitar a redacción do proxecto que contará cun total de 2,2 millóns de euros. Esta tramitación demorarase porque o proxecto será exposto ao público para o prazo de alegacións e contemplará a expropiación puntual de terreos.

Todos os presentes foron unánimes na demanda da concreción da circunvalación dando o paso previo de asinar o convenio entre  Ministerio, Consellería e Alcaldía para que, por fin, a Xunta realice a súa parte que é o proxecto de execución necesario para executarse as partidas económicas que figuran previstas.

O Alcalde urxe á Consellería e ao Ministerio a fixar a data para asinar este convenio paso previo imprescindible.