Ponteareas reúne a máis de 300 participantes na marcha ciclista solidaria

A proba percorreu os concellos de Ponteareas e Mondariz-Balneario e serviu para recadar alimentos para aquelas familias que o precisen

Q55A5351A marcha ciclista solidaria organizada pola concellería de Deportes de Ponteareas e celebrada o domingo, 25 de outubro, acabou converténdose nun éxito de participación. Máis de 300 corredores de todas as idades participaron nun percorrido de 20 quilómetros que pasou polos municipios de Ponteareas e Mondariz-Balneario.

A proba contou coa colaboración do Club Ciclista Ponteareas, de Reale Seguros, de Aguas de Mondariz e do Centro de Reparto de Alimentos, que se encargou de recoller comida para posteriormente repartila entre aquelas persoas que máis o precisen.

O concelleiro de Deportes, Benito Márquez, amosouse “moi satisfeito polo alto grao de participación e pola colaboración das diferentes entidades, as cales axudaron a facer do domingo unha xornada deportiva e solidaria na que o tempo acompañou”.

A marcha deste pasado domingo serviu para que todos os afeccionados ao deporte da bicicleta puideran gozar desta proba despois de que esta fora aprazada o pasado mes de setembro.